Adxudicado por 12.000€ o contrato para o servizo de Control da pomba doméstica no municipio durante os próximos dous anos

Monforte de Lemos, 8 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da adxudicación do contrato do servizo de Control da pomba doméstica no Concello, que ten por obxectivo reducir as molestias e prexuízos que a superpoboación destas aves causan aos cidadáns e edificios do municipio.

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado luns, 6 de xullo, adxudicar o contrato á empresa Gestión de Fauna S.L. por un importe de 12.015,30€. O prazo de execución é de dous anos desde a sinatura da acta de inicio de servizo, prorrogables por períodos dun ano ata un máximo de catro anos.

O Alcalde explica que, “debido as molestias e prexuízos que a superpoboación de pombas causan ós cidadáns e edificios do municipio, é preciso realizar labores de control que reduzan a poboación de pomba doméstica asentada na cidade de Monforte, ata uns mínimos aceptables”. Para elo, o Concello dirixiu esta proposta de contratación a empresas debidamente especializadas e homologadas polas autoridades competentes para estas tarefas, co fin de elaborar e levar a cabo un Plan Integral para o control da pomba doméstica.

 O obxectivo deste servizo é reducir a poboación destas aves (Columba livia) mediante métodos non violentos en todas aquelas zonas do termo municipal de Monforte de Lemos onde se determine que a súa densidade de poboación excede dos niveis normais para dita especie, e que isto repercute nas condicións hixiénico-sanitarias ou ambientais do lugar influíndo na degradación patrimonial.

Así mesmo, realizarase un seguimento, censado e estudo da poboación de pombas existentes no Concello de Monforte e do seu estado sanitario xeral. O plan anual de acción contempla a actuación específica na vía pública, edificios e instalacións municipais, así como as propostas de actuación naqueles lugares que constitúan puntos afectados por sobrepoboación de pombas.

 

En particular, os traballos que deberá realizar a empresa adxudicataria son os seguintes:

1. Control de pombas en parques e xardíns, casas e solares deshabitados, cemiterio e, en xeral, todos aqueles lugares onde proceda, a proposta do Concello.

2. Control de pombas en dependencias municipais, colexios públicos e, en xeral, todos aqueles lugares onde proceda. a proposta do Concello.

3. Atención de avisos ou incidencias ocasionados pola poboación de pombas do municipio que afecten á saúde pública.