O Aeródromo Municipal de Monforte será sede da “Vuelta Aérea Internacional Aerodreams 2026” o 15 de maio

Monforte de Lemos, 9 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que o Aeródromo Municipal de As Lamas será sede da Vuelta Aérea Internacional Aerodreams 2026 (VAIA 2026), un evento de altura con 16 aeronaves ultralixeiras inscritas e 29 participantes, e que percorrerá durante 5 días os ceos de España e Portugal. A viaxe comezará o xoves 14 de maio en Benavente (Zamora) e fará parada en Monforte o venres 15.

“As excelentes instalacións do noso Aeródromo, remodelado o pasado ano, foron determinantes á hora de incorporar a nosa cidade no itinerario desta Vuelta Aérea”, explica o rexedor en referencia a unha infraestrutura que conta actualmente cun intenso e crecente tráfico aéreo: “Falamos dun aeródromo referente para clubs aéreos de toda España e tamén de Portugal ou Francia, co impacto positivo que isto implica na promoción do noso municipio e o conxunto da Ribeira Sacra”, indica. Actualmente, o Aeródromo municipal conta cun intenso e crecente tráfico aéreo, xa que nel aterran e despegan avionetas de clubs aéreos de toda España e tamén de Portugal ou Francia.

Nesta liña, o Alcalde avanza que o Aeródromo acollerá en vindeiras datas un evento de gran transcendencia no mundo aeronáutico e que porá a Monforte no centro deste deporte.

Cabe destacar que os pilotos que utilizan este aeródromo destacan a situación privilexiada de Monforte dentro de Galicia, e tamén a excelente situación da propia pista de voo dentro do Concello, xa que se atopa moi preto do casco urbano, e isto fai que os visitantes poidan acercarse ao centro da cidade en poucos minutos. “Isto converte ó Aeródromo de Monforte en único, xa que o resto de instalacións deste tipo en Galicia, e a maioría das do resto de España, atópanse lonxe de zonas urbanas, o que require facer desprazamentos importantes”, destaca o Alcalde.

 

Pernocta en Monforte

A elección da cidade do Cabe como sede desta Vuelta Aérea Internacional ten especial relevancia, explica o Alcalde, xa que inclúe a pernocta dos participantes e dos seus acompañantes en Monforte, beneficiando así a sectores como o turismo, o comercio e a hostalería, ademais da propia promoción turística do municipio.

Concretamente, a saída da VAIA 2026 está prevista o xoves 14 de maio desde o campo de voo de Benavente. Segundo explican desde a organización, participarán 16 aeronaves ultralixeiras, todas con matrícula portuguesa, reunindo a un total de 29 pilotos “nunha auténtica celebración da aviación nacional”.

Tralo despegue en Benavente o día 14, a ruta diríxese cara o norte, con destino á pista de Cerval, en Valença do Minho (Portugal). O segundo día, 15 de maio, a expedición tomará rumbo a Lugo, con parada na pista local para xantar, e continuar en dirección a Monforte, onde está prevista a pernocta dos participantes. Este destino, explican os organizadores Jackie e Paulo, “ten un significado especial para nós, xa que compartimos o apelido Lemos”. Pero a elección ten aínda máis relevancia, engaden, “pola recente mellora da pista local, convertendo esta visita non só en algo simbólico, senón tamén nunha oportunidade de reencontrarse cun lugar que segue evolucionado”.

Nas seguintes xornadas a Vuelta visitará Valladolid, con aterraxe na pista de Matilla de los Caños, e Badajoz, na pista Casimiro Patiño. Na derradeira xornada, cada aeronave regresará ao seu campo de orixe.

 

Aeródromo Municipal de Monforte

O proxecto de mellora do Aeródromo Municipal de As Lamas executouse o pasado ano e supuxo unha mellora substancial tanto da infraestrutura como da pista que bordea o campo de voo, dende as pistas de exame de conducir ata os hangares e a pista que da acceso ao Campo de Tiro e á pista do canal. En conxunto, ambas actuacións supuxeron unha inversión de 260.508,16€.

O Alcalde recorda que este Aeródromo conta con autorización dende 2012 do Ministerio de Transportes (antes Fomento) como campo de voo para ultralixeiros e avionetas, e está sendo moi utilizado por aeronaves ao longo de todo o ano, especialmente dende o inicio da primavera ata o outono.

Este espazo naceu como campo de aeromodelismo aproximadamente hai 35 anos. A pista de ultralixeiros construíse hai dúas décadas, e no ano 2012 obtivo a súa autorización como campo de voo.

No ano 2015, converteuse no actual Aeródromo de As Lamas, autorizado pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), dependente da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Transportes, despois da publicación do Real Decreto 1070/2015, de 17 de novembro, e foi inaugurado como tal con motivo da Volta Ibérica. Actualmente está cedido polo Concello ao Club Aerolemos para a súa xestión.

De media, a instalación ven rexistrando entre 300 e 500 operacións anuais de  avionetas de diferentes tamaños, sobre todo durante as pontes e fins de semana, pero tamén durante a semana, xa que está aberto ao tráfico de forma permanente, sendo un lugar de parada para tránsitos chegados dende outros lugares de Galicia como Mazaricos, Santa Comba, Lugo ou Ribadeo. Tamén é un campo de referencia para afeccionados de fóra da comunidade como Asturias, Castela e León e todo o noroeste da Península en xeral, e tamén doutros países como Portugal e Francia, principalmente.

Foi sede da “Volta Aérea Ibérica”, que se leva a cabo entre España e Portugal, e tamén de distintas edicións dos Encontros da Asociación de Aviación Experimental, onde se dan cita pilotos e construtores de aeronaves lixeiras, chagados de todo o Estado.

Este Aeródromo de As Lamas, que ademais de pista autorizada conta con dous hangares, serve de base a empresas de todo tipo que empregan avións e fundamentalmente helicópteros para os seus traballos, como por exemplo empresas de servizos que fan revisións de liñas eléctricas de alta tensión, ou de parques eólicos, operando dende Monforte para Galicia e todo o noroeste peninsular.

Tamén serve de base de empresas que se dedican a facer reportaxes de fotos ou vídeos aéreos. E empresas que operan con drons, cuxo uso multiplicouse nos últimos anos. Nas edicións nas que a Volta Ciclista a España pasou pola nosa cidade e pola Ribeira Sacra, foi moi valorado polos helicópteros de Televisión Española que o utilizaron de base para cubrir esta importante cita deportiva, non tendo que desprazarse así a outros Aeroportos ou Aeródromos para labores como repostaxe ou mantemento.

 

Melloras executadas

Coa finalidade de ter esta infraestrutura nas mellores condicións, o Equipo de Goberno liderado por José Tomé desenvolveu as actuacións e as obras necesarias para a mellora da actual pista de herba, sobre unha lonxitude de 705 m.

Como a pista conta cun ancho medio de 13,31 metros, a superficie total de actuación foi de 9.385 m2, sobre unha vía que conta cunha topografía practicamente horizontal.

A zona que abarca este proxecto de mellora forma parte dos bens do Concello de Monforte de Lemos.

A pista anterior era de terreo natural compactado, pero sen pavimentar polo que se procedeu á pavimentación da mesma e pintado das marcas viarias da devandita pista, segundo as instrucións ditaminadas pola normativa aérea para este tipo de pistas.