O Alcalde anima a aproveitar a “oportunidade única” de contemplar a eclipse solar total desde Monforte o 12 de agosto

Monforte de Lemos, 17 de xullo de 2026. A Casa da Cultura acolleu este xoves pola tarde unha xornada divulgativa, organizada polo Concello de Monforte en colaboración con La Voz de Galicia, dedicada á eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto. A charla foi impartida polo xornalista e divulgador científico Xavier Fonseca.

O acto, aberto a toda a cidadanía, contou coa presenza do Alcalde, José Tomé Roca, quen deu a benvida aos asistentes e agradeceu a colaboración de La Voz de Galicia na organización desta iniciativa, así como a participación de Xavier Fonseca. Na presentación, o rexedor destacou a importancia de estar informados sobre este acontecemento “para chegar ao 12 de agosto sabendo un pouco máis deste fenómeno, todo o que se agocha detrás e as claves que nos permitirán desfrutar da eclipse en toda a súa plenitude”.

Tomé Roca incidiu en que Monforte ocupará unha situación privilexiada para contemplar este fenómeno, coincidindo ademais coa celebración das Festas Patronais. “Supón unha magnífica oportunidade para dar a coñecer Monforte, para mostrar a nosa capacidade de acollida e para seguir proxectando a imaxe dunha cidade que conta cun extraordinario patrimonio histórico, cultural e paisaxístico, e que se está modernizando para o futuro”, afirmou.

Durante a súa intervención, o Alcalde explicou tamén as medidas que o Concello está a desenvolver para que a cidadanía poida observar a eclipse con todas as garantías de seguridade. Neste sentido, lembrou que o Concello está a repartir gratuitamente gafas homologadas entre os menores de entre 3 e 15 anos, así como trípticos informativos con recomendacións sanitarias para a observación segura do fenómeno.

 

O rexedor animou aos asistentes a aproveitar esta conferencia para coñecer en profundidade este acontecemento. “Apenas teremos 40 segundos para desfrutala na súa totalidade, polo que é moi importante organizarse ben e contemplar diferentes alternativas porque dependeremos doutros factores, como a meteoroloxía”, indicou.

A continuación, o divulgador científico Xavier Fonseca ofreceu unha completa explicación sobre a ciencia que hai detrás das eclipses solares, a súa relevancia histórica, as condicións que converterán Galicia e, especialmente, a Monforte nun dos mellores lugares para observala, así como recomendacións prácticas para planificar a observación deste acontecemento astronómico con todos os detalles a ter en conta.