Monforte de Lemos, 23 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este luns, en rolda de prensa, a construción dunha rede de caniles en Monforte de Lemos. Tal e como avanzou o rexedor, o proxecto contempla a creación de catro espazos verdes para mascotas en catro zonas da cidade, co fin de que todos os veciños e veciñas de Monforte que teñen cans dispoñan de instalacións deste tipo a unha distancia non superior a 1 quilómetro desde a súa residencia. Os parques estarán situados nas zonas de Covas-Pinguela, Florida, Estación e Hospital.
Acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, o Alcalde quixo deixar claro que cuestións como o medio ambiente e o benestar animal son prioridades na folla de ruta do seu Goberno. “A nosa cidade ten que seguir mellorando en todos os aspectos, e por iso estamos levando a cabo proxectos importantes para mellorar a vida da xente”, indicou.
Ante unha poboación de cans en clara tendencia ascendente, unha rede de caniles na cidade “convértese nunha necesidade”, apuntou o Alcalde. Dita rede, detallou, “vai dar resposta a unha realidade social que non se pode obviar, como é o notable incremento de persoas donas de cans de compañía que precisan de espazos para exercitarse fisicamente e mesmo relacionarse con outros exemplares da mesma especie”.
Tal e como detallou o rexedor, estes caniles permitirán que os animais poidan realizar actividades físicas con regularidade, “evitando así que se estresen, enfermen ou se desestabilicen emocionalmente, dado que un can non debe permanecer atado ou confinado durante moito tempo, porque necesita socializar con outros cans para evitar problemas de conducta”.
A solución “progresiva e integral” proposta polo Equipo de Goberno do Concello consiste na creación dunha rede de 4 caniles que dean resposta ao conxunto da cidade. Para elo, establecéronse 4 zonas de tal xeito que todos os veciños e veciñas teñan un espazo para as súas mascotas a menos de 1 km de distancia da súa residencia e facilitarlle así o desprazamento ás instalacións caninas. Trátase de Covas-Pinguela, Florida, Estación e Hospital.
O primeiro, en Covas-Pinguela
O primeiro canil situarase no parque de Covas-Pinguela, nunha parcela de arredor de 1.300 m2, unha superficie, indicou o Alcalde, “máis grande que a do canil da Milagrosa, en Lugo”. Así mesmo, avanzou que o Equipo de Goberno intentará que todos os caniles teñan unha superficie similar. O feito de que Covas-Pinguela sexa a primeira zona en contar con este proxecto ten que ver con que o Concello xa dispón dos terreos necesarios para a súa instalación. “Os tres restantes iranse construíndo na orde na que se vaian conseguindo os terreos necesarios”, indicou Tomé.
Os caniles estarán dotados cunha zona de exercicios con elementos específicos de túnel, eslalon e balancín, e contarán con zonas de céspede mantido por un sistema de rego por difusión e aspersión, xabre compactado, solado con loseta de granito e un espazo para o aseo das mascotas composto por unha bañeira, mesa e fonte bebedeiro. Ademais, contarán con mobiliario de espera e descanso para os usuarios tanto cuberto como descuberto.

Licitación e obras, neste mesmo ano
O Alcalde destacou que se trata dun canil “moi completo” e será redactado por unha empresa con experiencia neste tipo de instalacións. O primeiro paso é a incorporación dos remanentes que irán a pleno o vindeiro 30 de marzo. “Unha vez aprobados definitivamente licitarase a redacción do proxecto por un importe de 150.000 euros, aínda que a adxudicación poderá ser inferior en función das ofertas presentadas”, explicou.
“O meu compromiso é que este mesmo ano estea en obras a primeira instalación, e que cada ano sexa construída unha nova, de tal modo que, en 3 anos, teremos construídos e en servizo os 4 caniles nas 4 zonas da cidade”, detallou o Alcalde. Un investimento total que ascenderá aproximadamente a 600.000 euros, “o que supón un investimento moi importante en benestar animal”, engadiu o rexedor.
Unha vez incorporados os remanentes, contratarase o proxecto e, seguidamente licitarase a construción do canil en concurso aberto, “co obxectivo de que as obras propiamente ditas comecen neste mesmo ano 2026, e a instalación estea operativa a finais deste ano ou comezo do 2027”, concluiu o Alcalde.