
Monforte de Lemos, 23 de outubro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia que por duodécimo ano consecutivo non haberá subida de taxas e impostos municipais no Concello de Monforte. Así o recolle a proposta de modificación de ordenanzas fiscais para os orzamentos do ano 2027, que será levada ao Pleno da Corporación Municipal na sesión ordinaria prevista paro o vindeiro luns 26.
Deste xeito, Monforte completará 12 anos sen subidas da fiscalidade municipal desde a chegada de José Tomé á Alcaldía, en 2015. “Son tres mandatos consecutivos nos que este Equipo de Goberno mantivo esta liña de actuación, que se traduce en doce exercicios orzamentarios sen incrementos xerais das taxas e impostos municipais”, afirma José Tomé.
O Alcalde destaca que “esta política fiscal non só supón manter conxelados os tributos municipais, senón que tamén permite aplicar reducións en determinados servizos, como a rebaixa do 50 % na fiscalidade da ordenanza do Cemiterio por sepulturas e transmisións, aprobada en 2020, así como as reducións aplicadas nas tarifas do Conservatorio Municipal”.
Esta decisión, subliña, “responde á vontade do Equipo de Goberno de evitar que a fiscalidade municipal supoña unha maior carga para as familias, os autónomos e as empresas de Monforte, mantendo ao mesmo tempo os servizos públicos municipais”.
Doce anos sen subir os impostos e as taxas municipais, engade, “é un dos fitos da nosa etapa á fronte do Concello, xa que son tres mandatos nos que mantivemos o compromiso de non incrementar a presión fiscal sobre os veciños e veciñas de Monforte”.
Proposta de ordenanzas fiscais para 2027: auga e recollida do lixo
A proposta de ordenanzas fiscais para 2027 que vai a pleno o vindeiro luns 26 de outubro mantén a conxelación das taxas e impostos municipais, coas actualizacións que correspondan naqueles servizos cuxos contratos contemplan revisións de prezos vinculadas ao Índice de Prezos de Consumo (IPC).
Neste grupo atópanse o abastecemento de auga e saneamento, a recollida e xestión do lixo e a piscina municipal, nos que as actualizacións dependen das condicións establecidas nos respectivos contratos e da evolución do IPC.
No caso do servizo de Abastecemento de auga, rede de sumidoiros e depuración, aplicarase a actualización correspondente ao IPC establecido a xullo de 2026, que se sitúa no 3,6 %.
No referido á Recollida e tratamento do lixo, no que se aplica unha actualización do 85% do IPC, mantense o sistema de incrementos graduais recollido na ordenanza municipal aprobados o pasado ano para compensar a subida do canon aplicado por Sogama.
Este incremento, que afecta directamente aos cidadáns, ten a súa orixe na Directiva Europea 2018/850 de 30 de maio de 2018, que grava a incineración e o depósito en vertedoiro por ser as formas medioambientalmente menos recomendables para a xestión de residuos, e que son as formas preferentes de Sogama. Esta mala xestión, explicou no seu momento o Alcalde, “obrigou a Sogama a subir o canon e repercutilo no recibo que abona o cidadán”.
Co fin de minorizar o impacto deste incremento nos petos dos veciños e veciñas de Monforte, o Equipo de Goberno aprobou no pleno de abril de 2025 a Ordenanza Fiscal 2.3 reguladora da taxa pola prestación do servizo de xestión de residuos municipais, na que se aplica esta subida do canon de Sogama de forma gradual de forma que permita cubrir o coste total do servizo reducindo o impacto nos cidadáns. Estímase un período aproximado de 20 anos para equilibrar estes custes sen xerar unha presión fiscal excesiva.
O Alcalde xa explicara nese momento que “estes aumentos serán pequenos, concretamente un 5% da tarifa, o que suporá un incremento de aproximadamente un euro cada dous meses no recibo e a partir de 2026, co obxectivo de minimizar o impacto nos nosos cidadáns”.
Deste xeito, a cota tributaria no recibo do lixo consistirá nunha cantidade variable que se modificará anualmente atendendo ao número de toneladas xeradas no exercicio anterior, distribuídas bimensualmente en dous conceptos: Sogama e Coste do Lixo, e que se esixirá por unidade de inmoble, en función da súa natureza.
Coas tarifas previstas, o recibo do lixo para as vivendas da zona urbana pasa dos 19,05 euros do ano actual, a 20,80 euros no 2027, dos que 11,04 euros corresponden á parte variable de Sogama e 9,76 euros ao custo do servizo de recollida do lixo. Na zona rural, o recibo pasa de 9,54 euros a 10,43 euros, dos que 5,53 euros corresponden a Sogama e 4,89 euros ao custo do servizo de recollida do lixo. Estes recibos terán periodicidade bimestral.
As tarifas aplicables ás empresas variarán en función da actividade e do tamaño das instalacións, conforme ao establecido na ordenanza municipal.
José Tomé salienta que o Concello mantén o seu compromiso de conter o impacto destes custos nos recibos da cidadanía. “No caso do lixo, mantemos o sistema gradual que aprobamos para compensar a subida do canon de Sogama, evitando que ese incremento se repercuta de golpe nos recibos dos veciños e veciñas. O noso obxectivo é seguir garantindo o servizo e, ao mesmo tempo, minimizar o impacto económico sobre as familias”.
Rebaixas e bonificacións fiscais
Xunto coa continuidade da conxelación fiscal, o Concello mantén as medidas de redución e as bonificacións destinadas a favorecer a actividade económica, a creación de postos de traballo e a implantación de empresas no municipio.
Entre elas figuran as bonificacións aplicadas sobre o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), nos termos previstos nas ordenanzas correspondentes.
Estas medidas, apunta o rexedor, “complementan a política de estabilidade fiscal deste Equipo de Goberno, co propósito de apoiar as familias, favorecer o investimento e contribuír ao desenvolvemento económico de Monforte.
Calendario fiscal
No referente á Ordenanza Fiscal Xeral dos Ingresos Municipais, modifícase o calendario fiscal para adecualo ás datas laborais do vindeiro ano 2027.
-Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica: do 12-04-2027 ata o 14-06-2027.
-Imposto de Bens Inmobles: do 05-08-2027 ata o 05-10-2027. Neste caso, os recibos superiores aos 100€ fraccionaranse en dous cargos: o primeiro, polo 60% do importe, farase o 5 de agosto de 2027, e o segundo, polo 40% restante, o 7 de decembro de 2027.
-Imposto sobre Actividades Económicas: do 18-08-2027 ata o 20-10-2027.
Os recibos dos servizos da auga e a recollida do lixo pasaranse bimestralmente.