Monforte de Lemos, 2 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar un novo reforzo na campaña impulsada polo Concello de Monforte para mellorar a xestión dos residuos orgánicos e a compostaxe doméstica. As novas actuacións están dirixidas de xeito específico ao sector da hostalería colocando novos colectores de materia orgánica (cubo marrón con chave) en zonas da cidade con maior concentración de establecementos deste tipo. O obxectivo desta medida, explica o rexedor, “é conseguir que a separación de residuos orgánicos sexa máis efectiva”.
Neste senso, o Alcalde agradece a implicación do sector da hostalería nesta iniciativa, “porque a súa colaboración é fundamental para mellorar a separación dos residuos orgánicos e avanzar cara a unha cidade máis limpa e sostible”.
Os novos colectores con chave para hostalaría sitúanse na rúa a partir das 20.00 horas todos os días da semana e retíranse pola noite, ao remate do servizo de recollida. Cada colector é compartido por varios locais e só se abren coa chave entregada aos propios establecementos.
Neste momento son sete os colectores específicos para a hostalería que recollen diariamente materia orgánica en diferentes puntos da cidade. Concretamente, nas seguintes localizacións:
- Rúa Hermida Balado esquina con Rúa Cardenal. 1 colector marrón de 800L compartido por 5 locais (O Toxo, Katanga, La Polar, Lienzo e Cardenal).
- Rúa Compañía. 4 colectores de 360L distribuídos do seguinte xeito:
-R/ Compañía nº9. Dá servizo aos locais 24h, Majmel, La casa de los bocadillos e Telepizza.
-R/ Compañía 19. Compartido por Kebab, La Floridita e La bodega.
-R/ Compañía 29. Bar Cristal, Carollus e Bar Jardín.
-R/ Compañía 37. Dá servizo a Holliday, Mowenpick, Edulis e JM.
- Paseo de Lugo. 2 colectores de 360L:
-Un situado xunto aos colectores soterrados compartido polos bares Tal y cual, La tertulia, La bodeguita del medio e Alameda.
-Outro na illa de reciclaxe que dá servizo ao bar Soberano.
Así mesmo, na Rúa Hortas entregouse un colector marrón de 360L na froitería, gardado polo establecemento, que se baleira a diario, de luns a sábado.
Seguimento e control
Durante este mes de xullo levaranse a cabo xornadas de seguimento e control en diferentes días da semana e en horario nocturno, co obxectivo de recoller incidencias xerais no uso dos novos colectores e resolver dúbidas que poidan xurdir referidas ao servizo.
A finalidade, apunta o Alcalde, “é conseguir que esta campaña teña éxito se poidamos implantala noutras zonas da cidade”. Deste xeito, engade, “o Concello de Monforte de Lemos afianza a súa aposta pola reciclaxe da materia orgánica para cumprir cos requisitos marcados desde a Unión Europea, ao tempo que buscamos consolidar un modelo de xestión dos residuos máis eficiente, máis responsable e máis respectuoso co medio ambiente”.
Lembra o rexedor que o servizo de recollida de materia orgánica no Concello de Monforte de Lemos funciona de luns a sábado coa colocación de cubos marróns de materia orgánica de quita e pon en diferentes zonas do centro da cidade: luns, mércores e venres na zona 1 e martes, xoves e sábado na zona 2. Na zona perimetral os colectores son fixos e están pechados con chave.
“A materia orgánica representa unha parte moi importante dos residuos que xeramos cada día. Se conseguimos separala correctamente na súa orixe, estaremos reducindo a cantidade de residuos que van ao colector de resto e favorecendo a súa valorización”, indica José Tomé.
Ademais, existen xa varios grandes produtores que teñen colectores de orgánica propios: supermercados, residencias, hospital e algúns colexios.
Composteiro e cubo marrón para a compostaxe doméstica
A veciñanza que desexe sumarse ao voluntariado marrón pode rexistrarse chamando ao teléfono do Concello 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou a través da solicitude online FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE TI TES A CHAVE CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS. Así mesmo, o Concello fai tamén un chamamento especial aos grandes xeradores de orgánica, establecementos de hostalaría e comercio, aos que se informa porta a porta sobre o servizo de recollida desta fracción.
Aqueles que residan nunha vivenda illada e que conten cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 m2 poden solicitar o composteiro, ben chamando ao teléfono do Concello 982 402 501, acudindo ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou ben directamente a través do FORMULARIO ONLINE SOLICITUDE DE COMPOSTEIRO INDIVIDUAL CONCELLO DE MONFORTE DE LEMOS.
Para participar neste programa e poder optar á recepción dun composteiro, os solicitantes terán que estar censados en Monforte de Lemos e que a leira ou terreo no que vaian instalar este composteiro, se sitúe no termo municipal de Monforte de Lemos, coas dimensións de polo menos 25 m2 de superficie.
Os usuarios e usuarias teñen que comprometerse a utilizar adecuadamente este composteiro. Xa que ademais, unha vez entregados e postos en marcha, levaranse a cabo visitas de seguimento dos mesmos, para certificar o seu correcto uso así como solucionar dúbidas que poidan xurdir.