O Alcalde anuncia que as obras de mellora do Parque dos Condes e a construción da fonte comezarán en marzo

Monforte de Lemos, 28 de febreiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa dos avances nas actuacións encamiñadas á mellora do Parque dos Condes e ao desenvolvemento urbanístico do seu entorno, en pleno centro da cidade. Por un lado, a Xunta de Goberno Local reunida o pasado luns, 23 de febreiro, aprobou o Plan de Seguridade e Saúde  para as obras de reforma do parque e construción da nova fonte; e por outro, na mesa sesión deuse conta do o reinicio dos traballos de urbanización e dotación de servizos da Zona D que estiveran suspendidos temporalmente por causa das intensas chuvias rexistradas nas últimas semanas. A execución de ambos proxectos, indica o rexedor, “estará rematada antes de agosto para que poidan ser desfrutados pola veciñanza e os visitantes durante o verán”.

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado luns, día 23, o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo das obras de reforma do Parque dos Condes, o que supón un avance de cara ao inicio das obras. Neste senso, o Alcalde anuncia que xa na vindeira semana procederase ao valado da zona e que os traballos propiamente ditos comezarán a partir de mediados do mes de marzo.

O proxecto de reforma foi adxudicado o pasado mes de xaneiro á empresa Misturas S.A., por un importe de 636.334,16€, e un prazo de execución de 4 meses a contar dende a sinatura da acta de replanteo. Neste senso, o rexedor apunta que, tal e como comprometera na presentación do proxecto, “Monforte contará cunha fonte espectacular este mesmo verán, unha fonte de cidade que será un novo elemento de atracción turística e un orgullo para todos os monfortinos e monfortinas”.

Así mesmo, na mesma sesión da Xunta de Goberno Local do pasado luns, 23 de febreiro, deuse conta do reinicio das obras de urbanización con dotación de servizos da Zona D, que estiveran suspendidas por mor das intensas choivas. Trala mellora da meteoroloxía, a empresa realiza probas de resistencia do terreo con fin de botar a capa de formigón que servirá de base para a colocación do granito. Esta actuación ten por diante un prazo restante de execución de 4 meses, polo que tamén esta prevista a súa finalización antes de agosto.

“Coa instalación da fonte e a urbanización da Zona D finalizada, Monforte contará neste parque cun espazo singular e espectacular, todo elo integrado na trama urbana e paisaxística do conxunto da Compañía e do entorno do Cardenal”, indica o Alcalde.

 

Reforma do Parque dos Condes

As obras adxudicadas comprenden unha superficie de 2.850 m2 na que leva anos sen actuarse, polo que se xustifica unha actuación completa de renovación. A actuación mais importante é a instalación dunha fonte circular de tamaño significativo, cun vaso de 25 m de diámetro na zona central do Parque, onde está agora o pequeno busto do Cardenal, que pasará a ubicarse no centro da rotonda da nova rúa da Zona D. Arredor da Fonte haberá un paseo de 5 m de ancho ao que se accede directamente dende o Cardeal e tamén dende o resto do Parque por catro accesos. Tanto estes catro accesos como o paseo circundante serán de pedra granítica de 12 cm de grosor, mentres que o paseo da zona máis próxima ao cadrado será de formigón pulido de color xabre.

A instalación contará con diferentes modos de programación e shows especiais para momentos puntuais. Ademais, a iluminación nocturna daralle un aspecto espectacular á fonte e ao conxunto do parque. Co obxectivo de poder desfrutar da nova fonte, tanto de día como de noite iluminada, colocaranse o dobre de bancos dos que hai agora para que a xente estea o mais cómoda posible.

O  Alcalde explicou que “a intención é que a fonte sexa observada desde a rúa do Cardenal coa finalidade de reactivar ese espazo central do parque, integrando elementos modernos para convertelo nun punto emblemático da cidade e un espazo de referencia no lecer urbano”.

 

Urbanización da Zona D

Estas obras de urbanización e dotación de servizos da Zona D desenvólvense nun espazo de máis de 3.200 m2 situado entre a céntrica rúa Cardenal e o río Cabe. Os traballos adxudicáronse á empresa Extraco S.A. por un importe de 420.495,57€ e un prazo de execución de 8 meses. Ademais da urbanización do espazo, as obras inclúen a dotación de servizos e conexión con redes do sistema xeral da rúa Cardenal. Concretamente, instalacións de saneamento de residuais e pluviais, abastecemento de auga, enerxía, alumeado, telecomunicacións e gas. O proxecto complétase coa pavimentación, xardinería e mobiliario.

Os terreos correspondentes á denominada Zona D están ubicados entre o paseo do río Cabe, as traseiras dos edificios da avenida de Galicia e da rúa Cardenal. A superficie total ascende a 3.274 m2, pertencentes a 35 propietarios ou herdeiros, incluída unha comunidade de garaxe. Concretamente, trátase de 1.932 metros de solo privado e 1.342 metros de terreo público.

O Alcalde destaca que “ao igual que pasou na rúa Rof Codina, tamén chamada Zona C, o proxecto da Zona D vai permitir eliminar unha pequena bolsa de maleza, abrindo un novo vial que comunicará a rúa Cardenal co Paseo do Cabe. Así mesmo, vai xerar novas parcelas edificables con baixo impacto e tamén unha pequena zona verde, que mellorará e poñerá en valor esa zona que se proxecta cara o monumento da Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios. Estamos convencidos de que na Zona D ocorrerá o mesmo, aínda que o seu ámbito é máis reducido, pero non menos importante debido á zona na que se atopa”.

Neste senso, o rexedor remarca que o desenvolvemento deste proxecto “é un paso máis no meu compromiso de mellorar o urbanismo da cidade, neste caso creando un novo espazo urbano nunha zona emblemática da cidade, como é entorno do Cardenal e o Parque dos Condes”.