Monforte de Lemos, 29 de xullo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, informou esta mañá da licitación das obras do primeiro canil público da cidade, que se situará no Parque de Covas-A Pinguela e constituirá a primeira das catro áreas recreativas caninas previstas polo Equipo de Goberno nos vindeiros anos.
Este proxecto forma parte da rede de parques caninos anunciada o pasado mes de marzo, integrada por catro instalacións que se localizarán nas zonas da Florida, A Estación, o Hospital e Covas-A Pinguela, co obxectivo de cubrir os catro cadrantes nos que se divide a cidade.
“Con esta planificación conseguimos que practicamente todos os veciños e veciñas de Monforte que teñen mascota dispoñan dun espazo destas características a menos de 1 quilómetro da súa vivenda", destacou o rexedor.
José Tomé explicou que o Concello inicia a construción deste primeiro canil en Covas-A Pinguela porque xa dispón dos terreos necesarios para a súa execución, mentres que o resto das instalacións iranse desenvolvendo conforme se vaian obtendo os espazos precisos.
Un espazo de 1.300 metros cadrados integrado no Parque de Covas-A Pinguela
O novo canil ocupará unha superficie aproximada de 1.300 metros cadrados dentro do Parque de Covas-A Pinguela, un dos principais espazos verdes da cidade, con preto de dúas hectáreas de superficie total e integrado no paseo fluvial do río Cabe.
Tal e como explicou o rexedor na súa intervención, “o obxectivo do proxecto é transformar unha zona verde aberta nun recinto arborado, amplo, seguro e completamente acondicionado para que os cans poidan correr, xogar, facer exercicio e socializar en liberdade, sempre dentro dun espazo pechado e compatible co uso que o resto da cidadanía fai do parque”.
Así mesmo, o Alcalde subliñou que o deseño desta instalación “non pensa unicamente nas mascotas, senón tamén nas persoas que as acompañan”, polo que incorpora zonas de descanso, mobiliario urbano, espazos de lecer e todos os servizos necesarios para favorecer unha convivencia adecuada entre os distintos usuarios.
A infraestrutura contará tamén con iluminación pública mediante tecnoloxía LED, rede de saneamento e unha zona específica para o lavado dos animais.
Circuítos de exercicio e espazos diferenciados
A área recreativa incluirá circuítos e elementos específicos para o exercicio dos cans, zonas de paseo, arborado, paneis informativos coas normas de utilización e todas as medidas necesarias para garantir o benestar animal, a seguridade e o correcto uso das instalacións.
O recinto estará completamente pechado mediante unha valla metálica rodeada de setos en todo o seu perímetro e contará con portas de seguridade que impedirán a saída accidental dos animais.
A zona principal de xogos ocupará practicamente toda a superficie do recinto e disporá de pavimentos brandos, combinando xabre compactado e céspede, para ofrecer diferentes superficies de uso aos animais.
Ademais, instalarase un completo circuíto de exercicios composto por elementos de salto, barreiras, balanceo, ponte, túnel e slálom, favorecendo tanto a actividade física como a socialización entre os cans.
Os bancos situaranse ao longo do perímetro para non interferir coa zona de xogos, e instalarase un cartel informativo coas normas de utilización da instalación.
Zona de aseo e espazos para as persoas usuarias
O proxecto contempla igualmente unha zona independente destinada ao aseo animal, equipada cunha bañeira, mesa de cepillado, fonte-bebedoiro específica para cans e contedores para residuos orgánicos e plásticos que facilitarán o mantemento e limpeza do recinto.
Esta área contará con pavimento de formigón impreso para favorecer as tarefas de limpeza e desinfección por parte dos servizos municipais e evitar que os animais volvan ensuciarse despois do lavado.
No que respecta ás persoas usuarias, habilitaranse dúas illas verdes con pérgolas de madeira e bancos, ademais dun paseo peonil dotado de papeleiras e dunha fonte, neste caso, para persoas.
Un investimento de 150.000 euros
O orzamento base de licitación desta actuación ascende a 150.000 euros, aínda que o importe definitivo poderá reducirse en función das ofertas que presenten as empresas participantes no proceso de contratación.
O prazo previsto para executar as obras será de tres meses desde a sinatura da acta de inicio dos traballos, polo que a previsión municipal é que as obras comecen este mesmo ano e que o novo canil poida entrar en funcionamento nos primeiros meses de 2027.
José Tomé lembrou que o compromiso do Equipo de Goberno é que este mesmo ano estea en obras a primeira instalación e que cada ano, si é posible, se execute unha nova área recreativa canina de tal modo que nos próximos anos se poida completar a rede prevista de catro instalacións distribuídas polos distintos barrios da cidade.
A previsión económica para o conxunto da rede supera os 600.000 euros, “o que supón un investimento moi importante en benestar animal e en mellorar os servizos públicos que ofrecemos á cidadanía”, sinalou o Alcalde, aclarando ademáis que “esta previsión orzamentaria non ten en conta o custe dos terreos nin o custe da conexión cos servizo (auga, saneamento, luz, etc)”.
Un investimento en benestar animal e convivencia cidadá
O rexedor concluíu destacando que esta actuación responde a unha realidade cada vez máis presente na sociedade. “Cada vez hai máis familias que conviven cun can de compañía e que demandan espazos adecuados para que os animais poidan desenvolver a actividade física que necesitan. Un can non debe permanecer permanentemente confinado nin limitado a pequenos espazos. Precisa exercicio, socialización e lugares preparados para iso. Deste xeito, evitamos que se estresen, enfermen ou desestabilicen emocionalmente”.