O Alcalde anuncia que levará ao próximo pleno o proxecto da senda peonil de máis de 4 km, un “gran corredor verde que rodeará Monforte”

Monforte de Lemos, 1 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, compareceu esta mañá en rolda de prensa para anunciar que o Equipo de Goberno levará ó vindeiro Pleno municipal a aprobación dun proxecto estratéxico para a cidade, que permitirá crear unha nova senda peonil circular urbana ao longo dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel.

José Tomé destacou que “estamos diante dun proxecto que suporá un antes e un despois na configuración urbana, ambiental e social da nosa cidade, unha actuación transformadora que permitirá crear un auténtico cinto verde arredor de Monforte”.

Este proxecto é froito do convenio asinado polo Alcalde co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, o pasado 27 de novembro de 2024, para a construción dunha senda peonil circular urbana que percorrerá as marxes dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, cunha lonxitude superior ós 4 quilómetros, desde o edificio de Correos ata o Fogar de San José, no inicio do Paseo do Malecón.

O investimento total previsto ascende a 6.125.000 euros, cantidade que inclúe as expropiacións necesarias, a redacción do proxecto e o custe das obras. O financiamento será asumido nun 80% pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil e nun 20% polo Concello de Monforte. Neste sentido, o rexedor monfortino explicou que “a Confederación Hidrográfica aportará 5.280.000 euros, mentres que o Concello contribuirá con 845.000 euros, o que evidencia a importancia desta actuación e a aposta decidida das dúas administracións por facer realidade este proxecto”.

O Alcalde incidiu en que a redacción do proxecto forma parte deste investimento e que a súa aprobación plenaria constitúe un trámite previo imprescindible para que a Confederación Hidrográfica poida proceder á súa licitación e posterior execución das obras.

Un corredor verde que conectará toda a cidade

José Tomé salientou que esta actuación permitirá recuperar espazos que durante décadas permaneceron esquecidos, incorporándoos plenamente á trama urbana. “Imos poñer en valor tres cursos fluviais que forman parte do noso patrimonio natural e que pasarán a converterse en espazos accesibles, coidados e pensados para o desfrute da cidadanía”, destacou.

A nova senda, engadiu, “abrazará Monforte, conectando barrios, parques e lugares emblemáticos do municipio, creando un circuíto de máis de 5 km, sumando o actual paseo do río do Malecón ata o Parque dos Condes”.

O percorrido, detallou o Alcalde, comezará na zona de Correos, continuará ata o Fogar San José e enlazará co Malecón, formando un circuíto continuo que tamén conectará co Parque dos Condes. “Será un espazo pensado para camiñar, correr, pasear en bicicleta e gozar da natureza sen saír da cidade, ampliando de maneira moi significativa as posibilidades de lecer saudable para os veciños e veciñas de Monforte”, indicou.

 

Unha actuación clave para o medio ambiente e o saneamento

O proxecto ten tamén unha importante vertente ambiental e permitirá solucionar un problema histórico relacionado coa entrada de augas limpas procedentes da choiva e do regadío na rede de saneamento, especialmente na contorna do regato das Malloadas.

Na actualidade, a rede de alcantarillado discorre polo propio cauce do regato, provocando filtracións que ocasionan sobrecargas nos colectores e dificultan o correcto funcionamento da estación depuradora de Piñeira. “Con esta actuación melloraremos a eficiencia de todo o sistema de saneamento e avanzaremos cara a unha xestión máis sostible da auga”, sinalou o Alcalde.

Neste senso, José Tomé subliñou que o proxecto combina dous obxectivos fundamentais: “por unha banda, poñemos á disposición dos monfortinos e monfortinas un novo espazo de máis de 5 quilómetros para peóns e ciclistas e, pola outra, favorecemos unha importante mellora ambiental, xa que retiramos o saneamento dos regatos e trasladámolo por debaixo da senda peonil”.

Recuperación ecolóxica dos regatos

A actuación contempla tamén a restauración ambiental dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, mediante a recuperación da vexetación de ribeira e a mellora do seu estado ecolóxico. “Queremos poñer a natureza no centro de Monforte, achegándoa á cidadanía e converténdoa nun elemento de cohesión urbana, benestar e calidade de vida”, destacou o rexedor.

O corredor verde actuará ademais como un importante elemento vertebrador da cidade, conectando zonas de maoir densidade de poboación con espazos de gran valor patrimonial e cultural como a Compañía, os Escolapios, o Malecón ou o Casco Histórico. Así mesmo, enlazará parques tan significativos como o dos Condes, o da Florida, o de Zapardiel e o Malecón.

A senda discorrerá maioritariamente por unha das marxes dos regatos, agás no tramo comprendido entre o edificio de Correos e a rúa Sarria, onde se habilitarán paseos en ambas beiras debido ao carácter máis urbano desta zona.

No caso do regato das Malloadas, pola marxe esquerda executarase un paseo con pavimento de aripack, semellante ó existente entre o estacionamento do Parque dos Condes e Piñeira, mentres que pola marxe dereita se habilitará un paseo de terra máis integrado no entorno.

 

Unha das actuacións medioambientais máis importantes das últimas décadas

Para concluír, José Tomé asegurou que “estamos diante dunha das actuacións máis relevantes en materia medioambiental das últimas décadas para Monforte. É unha gran obra que combina urbanismo, medio ambiente, mobilidade sostible, saúde pública, saneamento e calidade de vida. Un proxecto útil para o presente e para o futuro da nosa cidade”.

O Alcalde avanzou que, unha vez aprobado o proxecto polo Pleno municipal e remitida a documentación correspondente á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, será este organismo o encargado de licitar de inmediato as obras, coa previsión de que os traballos poidan comezar entre os meses de marzo e abril do próximo ano.

“Seguimos cumprindo os compromisos que asumimos cos monfortinos e monfortinas e avanzando na execución dos convenios asinados con outras administracións para que Monforte siga mellorando e continúe avanzando”, concluíu José Tomé.