Monforte de Lemos, 3 de abril de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou esta tarde nos actos litúrxicos do Venres Santo, que se celebraron dende as 19.00 horas na igrexa de Nosa Señora da Antiga.
O Alcalde estivo acompañado nestes actos pola Tenente Alcalde, Gloria Prada; o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e a Concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López. Tamén acudiron outros membros da Corporación Municipal, e moitos monfortinos e monfortinas que ateigaron a Igrexa dos Escolapios.
Trala celebración eucarística que recorda a crucifixión e morte de Jesús, celebrouse a procesión da Virxe Dolorosa e o Ecce Homo que percorreu o centro urbano con saída desde a Explanada da Compañía, Glorieta de Ponte Fontecha, Roberto Baamonde, Avenida de Galicia, Cardeal e retorno a igrexa subindo pola Compañía.
O Concello de Monforte colaborou nestes actos litúrxicos coa Coral Polifónica, que actuou na Eucaristía, cos adornos florais que engalanan ás imaxes e o novo vestido da Virxe da Dolorosa, ademais dos portadores dos pasos e a Policía Local, que levou a cabo a reordenación e regulación do tráfico durante a procesión.