
Monforte de Lemos, 13 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto coa Tenente Alcalde, Gloria Prada, e os Concelleiros de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; Cultura, Marina Doutón, e Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, asistiron este xoves, ás 20.15 horas, á representación da obra de teatro “A historia vaxenial”, unha produción da compañía Artyc Content que serviu de peche ao programa de actividades organizado polo Concello de Monforte para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller.
A función puxo fin a un amplo programa de actividades que incluíu obradoiros educativos, xogos pola igualdade, espectáculos con perspectiva de xénero e, como acto central, a tradicional concentración e lectura do manifesto reivindicativo o pasado domingo 8M. A citada concentración, destaca o Alcalde, “contou cunha masiva afluencia da sociedade monfortina”, cuestión que quixo agradecer xa que, dixo, “foi a máis numerosa dos últimos anos”.
A proposta teatral, coordinada dende o Centro de Información á Muller, CIM, resultou gañadora do VI Premio Luísa Villalta 2024 a proxectos pola igualdade. Escrita por Raquel Nogueira e Iván Marcos, segue o ronsel xerado por “Historias Vageniales”, a exitosa serie web creada pola mesma autora e gañadora dun Premio Mestre Mateo.
En clave de comedia, a obra fai un percorrido pola historia da humanidade para investigar como se representaron os órganos sexuais da muller e analizar como esta representación, ou omisión, estivo emparellada á desconsideración da muller e ao seu lugar no mundo.
O público desfrutou dunha peza a medio camiño entre unha comedia historicista e un evento feminista, entre unha veraz conferencia pedagóxica e un divertido monólogo confesional interpretado por Raquel Nogueira e dirixido por Iván Marcos.
A mostra “Mulleres con luz propia” continúa todo o mes de marzo
“A historia vaxenial” pon fin ás actividades impulsadas este ano polo Concello de Monforte arredor do 8M, pero a conmemoración desta dana de loita e defensa da igualdade de dereitos entre mulleres e homes non remata aquí. A mostra “Mulleres con luz propia” que fai un percorrido pola vida e traxectoria de figuras femininas pioneiras e referentes da igualdade permanecerá todo o mes de marzo pendurada nas farolas da marxe dereita da Rúa Cardeal, dende a esquina coa Avenida de Galicia ata o final do Paseo da Compañía.
A instalación pon o foco en mulleres que brillaron cunha luz especial ao longo da historia, pioneiras que desafiaron normas e convertéronse en referentes femininos na defensa da igualdade. Dende mulleres recoñecidas internacionalmente como Marie Curie ou Frida Kahlo, ata pioneiras feministas como Clara Campoamor e Simone de Beauvoir ou galegas coma Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou a xurista monfortina María Emilia Casas Baamonde, figuras relevantes todas elas e piares fundamentais do progreso social.
O listado completo de mulleres pioneiras desta instalación inclúe a Mary Wollstonecraft, Simone de Beauvoir, Isabel Zendal, Mercedes Mariño, Concepción Arenal, María Casares, Rosalía de Castro, Hermanas Mirabal, Emilia Pardo Bazán, Jane Goodall, Marie Curie, Margarita Salas, Virginia Woolf, María Emilia Casas Baamonde, Clara Campoamor, Almudena Grandes, Maruja Mallo, Teresa Portela, Frida Kahlo e Ana Peleteiro.
Tamén continúa o programa teatral do Concello: Próximas citas no Edificio Multiusos
- 26 de marzo: O actor galego Carlos Blanco presenta o seu espectáculo “A Penúltima”.
- 23 de abril: “Amalia y el río, historia de una estraperlista”, de Teatro Guirigai.
- 26 de abril: “Berenguela na gaiola”, do grupo Galeatro Producións Escénicas. Dirixida ao público infantil.
Todas as funcións programadas no Edificio Multiusos son ás 20.15 horas, agás a do 26 de abril, “Berenguela na gaiola”, que será ás 18.00 horas por ser unha obra dirixida ao público infantil e familiar. Os prezos mantéñense en todos os casos en 5€ para o público xeral e 3€ para menores, estudantes, desempregados e xubilados.
O Alcalde, José Tomé Roca, anima aos monfortinos e monfortinas a participar nesta completa programación, e remarca a “aposta decidida deste Equipo de Goberno pola cultura, e neste caso, polas artes escénicas, cunha oferta periódica no Edificio Multiusos que xa é un referente na axenda cultural de Monforte”.