O Alcalde fai balance dunhas Festas Patronais espectaculares e cunha participación multitudinaria: “Foron un auténtico éxito”

Monforte de Lemos, 18 de agosto de 2026. Monforte de Lemos pon o punto final ás súas Festas Patronais cunha valoración “espectacular” por parte do Alcalde, José Tomé, que destaca a gran participación rexistrada ao longo de toda a programación e o extraordinario ambiente vivido na cidade durante estes días: “Podemos dicir que estas foron unhas Festas Patronais espectaculares; foi unha enorme satisfacción ver a resposta dos monfortinos e monfortinas e tamén de todas as persoas que nos visitaron durante estes días”, afirma.

O Alcalde destaca especialmente a última xornada das festas, que tivo un broche de ouro coa actuación da Orquestra Panorama, nun espectáculo que congregou a milleiros de persoas na Praza da Compañía. O escenario, que ocupaba practicamente toda a fachada dos Escolapios, foi o epicentro dunha noite multitudinaria. “A Praza da Compañía estaba ateigada de xente, non cabía un alfiler. O público ocupaba toda a explanada, as zonas de céspede e mesmo parte da rúa, nunha imaxe espectacular que demostra a enorme acollida que tivo a Panorama”, sinala José Tomé.

Tamén os Fogos Artificiais, tanto na sesión desde San Vicente como desde o río Cabe, foron seguidos por milleiros de persoas. “Os fogos volveron ser un auténtico espectáculo, a xente buscou diferentes puntos para velos, enchendo as rúas e prazas, para despois continuar desfrutando da festa tanto no recinto das barracas como nos concertos da Explanada. A imaxe da marea de xente dirixíndose cara á Compañía ao remate dos fogos do río na noite do domingo foi impresionante e resume perfectamente o ambiente que se viviu durante estas festas”, engade o Alcalde.

 

José Tomé fai extensiva a súa valoración ao conxunto da programación, destacando que todas as actividades contaron cunha importante resposta do público, desde os espectáculos de rúa e as propostas culturais e musicais ata os concertos, actuacións e demais actividades programadas para todos os públicos.

“Creo que podemos falar dun auténtico éxito. Foron unhas Festas Patronais cunha participación moi alta en todas as actividades, cunha cidade chea de vida e cun ambiente extraordinario. Por todo isto, quero agradecer aos monfortinos e monfortinas e a todas as persoas que nos visitaron a súa participación e o seu comportamento, xa que todo transcorreu con normalidade, sen que se rexistraran incidencias”, afirma o Alcalde, que fai extensiva esta felicitación e agradecemento a todas as persoas que fixeron posible que estas festas foran un éxito, desde os traballadores dos diferentes servizos públicos ao persoal técnico que traballou no desenvolvemento da programación.

Todo isto, apunta o rexedor, “foi moi positivo tamén para a hostalería e o comercio da cidade; en definitiva, foi positivo para a economía de Monforte”.

 

 

 

 

 

A nova fonte, un punto de encontro

O Alcalde destaca especialmente o ambiente no Parque dos Condes, onde a nova fonte converteuse nun dos puntos de encontro e nun dos elementos protagonistas destas Festas. “Desde a inauguración o pasado 31 de xullo, a nova fonte está a ter unha acollida espectacular creando un ambiente moi especial no Parque dos Condes, que foi un dos espazos máis concorridos e fotografados durante estas festas”, indica José Tomé.

Asemade, conclúe o rexedor, “quero agradecerlle aos xóvenes que desfrutaran da Fonte de xeito responsable, reunidos en grupos arredor de cada banco, facendo fotos dende o borde da propia fonte e facendo unha gran difusión positiva deste novo elemento de atracción para Monforte”.