
Monforte de Lemos, 17 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a benvida este martes, 16 de xuño, aos 20 alumnos e alumnas, así como ao persoal docente e administrativo do Obradoiro Dual de Emprego A Pinguela III, que se desenvolverá na Escola Obradoiro de A Pinguela durante os próximos 9 meses.
O programa formativo, promovido polo Concello de Monforte e financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, desenvolverase en dous módulos, nas especialidades de Carpintería e moble e Pavimentos e albanelería de urbanización, combinando formación teórica e práctica remunerada, e creará 24 postos de traballo durante 9 meses: 20 alumnos, un director/a, dous monitores/as e un auxiliar administrativo.
Durante o encontro, no que tamén participaron a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, o rexedor felicitou aos participantes pola súa incorporación a este proxecto, destacando a importancia deste tipo de iniciativas para mellorar a cualificación profesional das persoas desempregadas e facilitar a súa inserción laboral. Neste senso, animounos a “aproveitar esta oportunidade para formarse e adquirir cualificación profesional en sectores que hoxe están moi demandados”.
O Alcalde tamén agradeceu a colaboración da Xefa Territorial de Emprego e o traballo do equipo directivo, docente e administrativo, subliñando a súa contribución ao éxito dunha iniciativa que combina formación e emprego, ao tempo que se realizan actuacións de utilidade pública e interese para o municipio.
Ademais, o proxecto inclúe incentivos á contratación, de xeito que o alumnado terá a posibilidade de optar a un posto de traballo noutra empresa durante un período mínimo de tres meses.
A actividade conta cun orzamento de 526.576 euros e desenvolverase no municipio logo de que o Concello de Monforte solicitara no pasado mes de decembro unha subvención á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a realización deste proxecto. A iniciativa está financiada por fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal á Xunta de Galicia e fondos propios do Concello de Monforte.
Actuacións previstas
O obradoiro Pinguela III desenvolverase en dous módulos específicos coas seguintes denominacións:
-Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble. Traballos de carpintería e moble. 10 alumnos.
-Pavimentos e albanelería de urbanización. 10 alumnos.
As actuacións previstas neste obradoiro consisten no acondicionamento das instalacións da Escola Obradoiro A Pinguela e a restauración do contorno da zona afectada polos incendios forestais no ano 2025.
Así, o proxecto dá continuidade ás intervencións dos obradoiros anteriores co obxectivo de completar o proceso iniciado en 2023 de mellora e posta en valor deste equipamento municipal dedicado á formación e inserción laboral. Por outro lado, inclúe intervencións en edificacións municipais situadas en zonas afectadas polos incendios forestais ocorridos no ano 2025, concretamente nos locais sociais de Moreda e de Seoane, co obxectivo de mellorar o seu estado de conservación, funcionalidade e integración no contorno, ao tempo que se contribúe á recuperación de equipamentos de uso social e comunitario.
De xeito adicional, inclúese a intervención sobre diversos elementos de mobiliario urbano municipal que se atopan en mal estado de conservación, co fin de garantir a súa preservación e integrar estas tarefas no contido formativo do novo obradoiro.