Monforte de Lemos, 1 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé, acompañado polo Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán e a Concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López clausurou na mañá de onte, día 31 de xullo, a 20ª edición do Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo no campo Luis Bodegas, clausura na que fixeron entrega de diplomas e agasallos a todos/as os/as participantes.
Este exitoso Campus, forma parte do xa consolidado calendario de actividades deportivas de verán que organiza anualmente o Concello de Monforte, e que se desenvolve a través do Campamento de verán, o Campus de Fútbol Cidade de Monforte-Real Club Celta de Vigo e os Cursos de tenis, ofertando un total de 360 prazas dirixidas a nenos e nenas empadroadas en Monforte, que desexen desfrutar dunhas vacacións practicando as actividades que mais lles gustan.
A actividade deste Campus, que con esta suma xa 20 edicións, celebrouse entre o 27 e o 31 de xullo no Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas. Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos, ofertándose un total de 105 prazas que se distribuíron en 6 grupos de traballo e que como o resto de actividades deportivas de verán, están deseñadas polo Grupo de Goberno para facilitar a conciliación familiar e laboral das familias durante a época de vacacións dos nenos e nenas.
O Alcalde destaca a importancia desta actividade e do conxunto do Programa Deportivo de Verán, xa consolidada na programación do verán de Monforte e moi demandada polas familias, que ten por obxectivo “facilitar a atención infantil como medida de conciliación persoal, laboral e familiar, así como favorecer a integración social no ámbito local e a promoción do deporte en favor dunha vida e saudable e activa”. Neste senso, engade que con esta oferta de conciliación, “os nenos e nenas poderán desfrutar das súas vacacións a través do Campamento Deportivo do Concello, practicando un variado número de actividades, tanto deportivas coma excursións e obradoiros”.
Prazas e actividades dos Campamentos de Verán
Tamén o propio venres, día 31, se procedeu á clausura da segunda 2ª quenda co campamento de verán na que participaron un total de 83 rapaces e rapazas. O número total de prazas ofertadas foi de 360 e o próximo luns comezará a terceira e última quenda do campamento de verán 2026 coa participación de 67 nenos e nenas.
As actividades levadas a cabo nas diferentes quincenas dos campamentos municipais teñen carácter lúdico-educativo, fomentan a identidade e autonomía persoal, a comunicación, a expresión e creatividade, favorecen o respecto polo medio ambiente, formación e saúde e deporte.
De tal xeito que o programa inclúe xogos pre deportivos e actividades deportivo-recreativas, actividades para o desenvolvemento da coordinación de movementos, obradoiros, xogos dirixidos, saídas e excursións e unha actividade especial de peche para cada quincena.
O Campamento Deportivo de verán desenvólvese en diversas instalacións municipais. Concretamente, no Complexo Deportivo Municipal de Pinguela (pavillón e piscina climatizada cuberta), no Pavillón do IES Pinguela, Pistas de atletismo municipais, Campo de fútbol municipal Luis Bodegas e Parques públicos
PROGRAMA DEPORTIVO DE VERÁN 2026
As actividades ofertadas foron as seguintes:
• CAMPAMENTO DEPORTIVO DE VERÁN
• XX CAMPUS DE FÚTBOL CIDADE DE MONFORTE – R.C. CELTA DE VIGO
• CURSOS DE TENIS
• CURSOS DE NATACIÓN NA PISCINA MUNICIPAL
CAMPAMENTO DEPORTIVO DE VERÁN
Esta actividade pretende aproveitar a recreación deportiva como ferramenta na ocupación do tempo libre e de lecer dos nenos e nenas.
O Campamento está distribuído en 3 quendas, correspondentes aos seguintes períodos:
1º. 1-15 de xullo
2º. 16-31 de xullo
3º. 1-14 de agosto
O horario de cada unha das quendas é de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas.
XX CAMPUS DE FÚTBOL CIDADE DE MONFORTE
O Concello de Monforte organizou a vixésima edición do Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo, que ten como obxectivo que nenos e nenas, rapaces e rapazas, poidan gozar dunhas vacacións activas practicando deporte, ademais de ter a oportunidade de facelo da man de monitores que traballan dentro da estrutura dun Club de Fútbol Profesional como e o R.C. Celta de Vigo.
Esta actividade celebrouse entre o 27 e o 31 de xullo en horario de 10:00 a 13:00 horas no Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas.
Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas nados/as entre o 01.01.2012 e o 31.12.2019
O número de prazas ofertadas na actividade foi de 105.
CURSOS DE TENIS
Os cursos de tenis están distribuídos en 3 quendas:
• do 1 ao 15 de xullo
• do 16 ao 31 de xullo
• do 1 ao 14 de agosto
Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas nados/as entre o 01.01.2015 e o 31.12.2021
Establécense un máximo de 3 grupos de actividade por quenda. O número de prazas de cada un dos grupos é de 6 persoas.
CURSOS DE NATACIÓN NA PISCINA MUNICIPAL
Os cursos de natación de verán celebráronse na Piscina Climatizada Municipal durante os meses de xullo e agosto. Estes cursos están dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas. Plantexáronse cursos intensivos de 15 días de luns a venres (para infantil e nenos) e cursos mensuais de dous días a semana (bebés, adultos +16 e ximnasia acuática).