
Monforte de Lemos, 18 de febreiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto co presidente do Club de Golf Río Cabe de Monforte, José Ángel Pérez Reñones, e o xerente do mesmo, Alberto Pérez Galán, presentaron este mércores na Sala de Xuntas do Concello o I Campeonato de Europa IPPA de Pitch&Putt individual, que terá lugar na cidade do Cabe os días 3, 4 e 5 de xullo do presente ano, nas instalacións que o Club de Golf Río Cabe ten en Ribas Altas. Trátase dun evento de alto nivel competitivo, destacou o rexedor, “no que se agarda a asistencia de arredor de 160 xogadores internacionais, ademais de técnicos, árbitros, delegacións oficiais e acompañantes, polo que roldarán os 400 visitantes”.
Este campionato europeo está impulsado pola International Pitch and Putt Association (IPPA), que é a organización internacional que goberna e promove esta modalidade de golf, o Pitch&Putt, como deporte competitivo. O Alcalde indicou que para o Concello de Monforte “é un honor que esta entidade, encargada de promover o crecemento do Pich & Putt en todo o mundo, escollera a nosa cidade para celebrar un campionato como este, de alto nivel competitivo e, polo tanto, de gran repercusión deportiva, xa que traerá á nosa cidade a xogadores e xogadoras de todas as idades e niveis: desde amateurs ata atletas especializados”.
Neste senso, destacou que o volume de participación estimado nun evento destas características “aumentará a ocupación hoteleira e o gasto na gastronomía, ocio e comercio de Monforte”, o que se traduce nun “importante impacto económico e turístico na nosa cidade e no conxunto da Ribeira Sacra, territorio do que somos capital e que posiblemente nesas datas sexamos xa Patrimonio da Humanidade”, indicou o Alcalde en referencia á resolución da candidatura da Ribeira Sacra diante da Unesco que se coñecerá en xuño deste ano.
O campionato desenvolverá durante 3 días que coinciden coa celebración do Festival do Viño da Ribeira Sacra 2026, o primeiro fin de semana de xullo, “o que, sen dúbida, vai complementar a promoción de Monforte nos países de procedencia dos xogadores participantes”, manifestou o rexedor na súa intervención.
Un campo de 18 hoyos Par 3, idóneo para o Pitch&Putt
Non é a primeira vez que Monforte acolle unha competición de alto nivel de Pitch & Putt. O Alcalde lembrou que, nos últimos dous anos o campo de golf de Ribas Altas foi escenario do Campionato de España de Federacións Autonómicas desta modalidade de golf celebrado en outubro de 2025, e do Campionato de España Masculino, en maio do 2024.
Isto é posible, explicou o Alcalde, “porque o Club Río Cabe conta cunhas excelentes instalacións para albergar competicións desta índole, o chamado ‘golf rápido’. Concretamente, un campo de 18 hoyos Par 3, cunha distancia aproximada de 1.200 metros, que é o que caracteriza o Pitch & Putt: percorridos máis cortos que permiten xogar rondas máis rápidas e intensas que no golf de campo largo”.
Pola súa banda, o presidente do Club de Golf Río Cabe, José Ángel Pérez Reñones, falou gran relevancia que ten este evento deportivo a nivel internacional e da expectación que está xerando: “É espectacular, o ambiente é incrible”, afirmou. Así mesmo, agradeceu o apoio do Concello de Monforte na organización do campionato, “unha colaboración fundamental para que se poida celebrar aquí”, indicou. A aportación económica por parte do Concello ascende a 4.000 euros, un terzo do orzamento total.
Monforte, cidade anfitrioa
O Alcalde indicou na presentación que, ademais de contar cun campo perfectamente adaptado ás esixencias desta modalidade de golf, Monforte, como cidade anfitrioa, ten moito que aportar a nivel de riqueza histórica, cultural e natural: “Falamos dun patrimonio histórico medieval con palacios, mosteiros e museos que visitar como o Conxunto Histórico de San Vicente, a Ponte Medieval, o Convento da Nosa Señora da Antiga, o Museo das Clarisas ou o Pazo de Tor”, indicou, ao tempo que puxo en valor a gastronomía, “un valor engadido para os visitantes”, e a posición que ocupa Monforte como capital da Ribeira Sacra, un territorio coñecido polos canóns fluviais e a viticultura heroica.
“Todo isto que acabo de mencionar, xunto coas boas conexións por estrada e a ampla oferta hoteleira, non fai más que consolidar a Monforte como un destino idóneo para acoller eventos de alto nivel, con estancia e turismo asociado”, engadiu. Finalmente, o Alcalde quixo agradecer ao Club de Golf Río Cabe “as xestións feitas diante da Federación, co apoio do Concello, para que Monforte albergue esta competición internacional” e desexoulle “moita sorte aos participantes da nosa cidade e do resto da comarca”.