Monforte de Lemos, 24 de abril de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da concesión de licencia urbanística para a realización de obras de restauración en tres igrexas do municipio, concretamente, nas parroquias de Rozavales, Baamorto e A Penela.
As actuacións nestes inmobles están recollidas nun convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e a Diócese de Lugo asinado o 9 de outubro de 2025, sendo José Tomé Roca presidente da institución provincial. O acordo recolle a realización de obras de mellora en 9 templos da provincia lucense, 3 deles no Concello de Monforte trala inclusión expresa formulada polo propio Alcalde.
A colaboración foi asinada polo entón presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte, José Tomé, e polo Bispo da Diocese de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, comprometendo ambas institucións o cofinanciamento de obras de restauración do patrimonio eclesiástico nos concellos de Antas de Ulla, Sarria, Monforte de Lemos, Monterroso, A Pobra do Brollón, O Corgo e A Fonsagrada.
O investimento completo ascende a 440.000€, dos cales a institución provincial achega 220.000€ e o Obispado outros 220.000€. No caso de Monforte de Lemos, a inversión prevista é de 112.700€ no conxunto das tres igrexas.
“Esta intervención é unha proba máis do compromiso do Alcalde e do Equipo de Goberno co patrimonio e coas parroquias rurais, porque conservar as igrexas é tamén conservar a historia, a arquitectura e a vida social do noso territorio”, explica José Tomé. Así mesmo, engade, as igrexas “non son só espazos de culto, senón lugares de encontro e convivencia veciñal que manteñen tamén a cultura e as tradicións”.
Segundo explica o rexedor, nos últimos días aprobáronse en Xunta de Goberno Local as correspondentes licenzas municipais para levar a cabo os traballos de restauración, polo que corresponde agora ao Obispado de Lugo licitar e executar os proxectos, tal como quedou recollido no convenio asinado.
As actuacións previstas son as seguintes:
IGREXA DE SANTA MARÍA DE ROZAVALES:
Situada no núcleo de Rozavales, é unha igrexa de planta de cruz grega e nave con cuberta de madeira a dúas augas e capelas nos brazos do cruceiro co que comunican con arcos de medio punto. O arco triunfal é peraltado. A capela maior presenta catro vertentes e a sancristía está arrimada ao alzado norte do presbiterio. Presenta un pórtico cuberto diante da capela esquerda. O retablo maior neoclásico, xaspeado, e con ornamentación rococó e inscrición SE REEDFICO E PEDRÉS ANO DE 1846, presenta entre outras a escultura da Asunción. É interesante unha imaxe de Santa María sedente co neno en brazos de tradición románica e gusto goticista. Así mesmo, destacan algunhas curiosidades como unha pequena fiestra de pedra na zona da altar de tipoloxía prerrománica ou o feito de que os tres arcos do interior do templo arrinquen directamente do chan.
A intervención consiste na renovación da cuberta, abarcando a substitución completa da lousa e das táboas, así como doutros elementos de madeira que se atopen en mal estado. As melloras previstas contemplan tamén a colocación de canalóns semicirculares e baixantes circulares de zinc en todo o seu perímetro, ademais de traballo de repaso dos encontros do campanario sobre a fachada principal.
Esta actuación ten un orzamento de 39.300€.
IGREXA DE SANTA MARÍA DA PENELA:
Da súa orixe románica só queda a torre das campás e a portada principal. Esta presenta arco dobrado de medio punto e guarnición de grosas perlas, alén de moldura de billetes en directriz apuntada. A torre das campás está separada do corpo do templo. É de planta cadrada, porta de arco semicircular e van para as campás por cada un dos lados.
Unha inscrición en latín nun dos lados da torre alude ao nome do construtor e á data do edificio: EGO PELAGIUS FECI HANC TURRIM, ERO MEMORIAM ERA MILLESIMA DUCENTESSIMA, PRIDIE IDUS IULII. No retablo principal, salomónico, atópase unha escultura de Santa Bárbara.
A actuación prevista ten un importe de 44.000€ e comprende a renovación das tellas de toda a cuberta da igrexa, empregando novas pezas curvas tradicionais en lugar das mixtas actuais, colocadas sobre placas onduladas libres de amianto. No soportal será necesario substituír a maiores algunha peza puntual de madeira da cuberta, por atoparse estas moi danadas. Colocación de canalóns e baixantes de zinc.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE BAAMORTO:
Situada no núcleo das Devesas fronte á Casa Priorado, o templo foi reformado nos séculos XVII e XVIII e conserva algúns restos románicos. A porta principal situada ao oeste é de medio punto con moldura barroca. Na fachada principal presenta tamén un reloxo e campanario de dous vans. A nave rectangular está cuberta a dúas augas de madeira rematada en tella.
Destaca o soportal que rodea a igrexa nas fachadas oeste e sur. Na fachada sur tamén se atopan interesantes pinturas murais que a cobren en toda a súa extensión. O retablo maior é neoclásico e conta con esculturas da Asunción e dous anxos. Os outros dous retablos situados na capela maior son tamén neoclásicos.
Neste caso, a intervención realizarase no adro da igrexa e consiste no desmonte de cobertura de tella cerámica curva. Os traballos inclúen a colocación de panel de fibrocemento libre de amianto e enrastrelado simple sobre o que se coloca a cobertura de tellas cerámicas curvas.
O orzamento ascende a 29.400€.
