Monforte de Lemos, 31 de marzo de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar a modificación do decreto de delegación de competencias nos membros do Equipo de Goberno para asignar as funcións correspondentes ás áreas de Medio Ambiente e Parques e Xardíns ao Concelleiro Miguel Tomé López, que tomou posesión do seu cargo como edil no Pleno ordinario celebrado este luns, 30 de marzo, no Concello.
Tomé López incorpórase á Corporación Municipal logo da renuncia por motivos persoais de Margarita López, Concelleira de Muller e Igualdade, que se fixo efectiva no Pleno do mes de febreiro e cuxas atribucións foron delegadas polo Alcalde na Concelleira Regina López, responsable tamén de Consumo.
As competencias de Medio Ambiente e Parques e Xardíns recaían ata o de agora no Concelleiro José Luis Losada, que mantén a súa responsabilidade nas áreas de Obras, Medio Rural e Servizos (abastecemento de auga, saneamento, recollida de lixo, limpeza viaria, cemiterio e iluminación pública). Miguel Tomé López xa foi Concelleiro de Medio Ambiente no anterior mandato, no que tamén desenvolveu as funcións de Medio Ambiente.