O Alcalde entrega os diplomas aos máis de 80 participantes nos obradoiros gratuítos de dixitalización impartidos nas parroquias

Monforte de Lemos, 16 de abril de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé, fixo entrega na mañá deste xoves, 16 de abril, dos diplomas de participación nos cursos de dixitalización organizados polo Concello de Monforte de Lemos nas parroquias, en colaboración coa Deputación de Lugo. Os obradoiros, cunha duración total de 20 horas presenciais, desenvolvéronse en diversas xornadas entre os meses de novembro de 2025 e febreiro de 2026 nos locais sociais das parroquias de Ribasaltas, Sindrán, Gullade, Bascós, Piñeira, Distriz, Seoane e A Penela, e contaron coa asistencia de máis de 80 persoas.

A formación ofertada ten por obxectivo capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á veciñanza do ámbito rural mediante a aprendizaxe de accións como a firma dixital, o funcionamento de  Ch@ve 365, o uso da aplicación do Sergas, da sede electrónica, o teléfono móbil, e mesmo as finanzas online coa utilización do bizum e a banca electrónica.

Estas accións formativas nas parroquias enmárcanse no programa ‘E para dixitalizarse Lugo’ que promove a Deputación de Lugo en colaboración cos Concellos.  Monforte adheriuse a esta iniciativa coa proposta de accións formativas dirixidas específicamente a capacitar en habilidades tecnolóxicas básicas á poboación do ámbito rural.

Os obradoiros tiveron carácter presencial e gratuíto e desenvolveranse en diversas xornadas entre os meses de novembro de 2025 e febreiro de 2026 nos locais sociais das parroquias. Estes cursos están dirixidos principalmente a persoas maiores ou en situación de desemprego, xente moza e mulleres do rural, aínda que están abertos a todas as idades e colectivos. O obxectivo, e ofrecer orientación e formación para facilitar a aprendizaxe das TIC como ferramenta de mellora da súa vida cotiá.

O Alcalde felicitou aos asistentes pola súa participación nos cursos e animou a toda a veciñanza, e especialmente ás persoas maiores, a “perderlle o medo ás tecnoloxías, aproveitar as vantaxes que ofrecen e facer un bo uso delas”. Así mesmo, recordou que a iniciativa púxose en marcha precisamente sendo el presidente da Deputación Provincial de Lugo, consciente da importancia de chegar a toda a poboación, especialmente no rural, para formar e capacitar á veciñanza nas novas tecnoloxías, esenciais a día de hoxe para aspectos básicos da vida cotiá.

Ademais do diploma de participación nas accións formativas, as persoas asistentes ao acto recibiron como agasallo un reloxo dixital e un bolígrafo.

 

CURSOS IMPARTIDOS NAS PARROQUIAS DE MONFORTE:

Firma dixital /Ch@ve 365 / Certificados varios Aplicacións do Sergas, Facenda. Actuar ante as administracións públicas, sede electrónica

Impartido nas parroquias de Ribasaltas e Sindrán, cunha formación total de 20 horas. O obxectivo deste curso é que as persoas participantes aprendan, dun xeito sinxelo e práctico, a desenvolverse no contorno dixital das administracións públicas. A formación permite coñecer e utilizar a firma dixital, o sistema Ch@ve 365 e diferentes certificados electrónicos, ferramentas clave para realizar xestións sen necesidade de desprazamentos.

Ademais, o alumnado aprende a manexar aplicacións útiles no día a día, como as apps do Sergas para citas médicas, a sede electrónica da Axencia Tributaria para trámites con Facenda, así como os portais en liña da Xunta de Galicia, Deputación e Concellos.

As persoas participantes descubren o doado que resulta actuar diante das administracións públicas de forma segura, rápida e autónoma.

 

O teléfono móbil, primeiros pasos

Impartirdo en Gullade, Bascós, Piñeira, Distriz e Seoane. Con 20 horas presenciais, busca que as persoas participantes se familiaricen co uso básico do teléfono móbil, aprendendo dun xeito sinxelo e práctico a manexar as súas funcións esenciais.

Durante a formación, o alumnado aprende a configurar o dispositivo, a utilizar aplicacións de uso cotián como a mensaxería instantánea, as redes sociais ou os mapas, e a aplicar medidas de seguridade básicas para un manexo responsable.

 

Finanzas online, Bizum, banca electrónica.

Este curso, de 20 horas presenciais, impartiuse na parroquia de A Penela co obxectivo de que as persoas participantes aprendan a utilizar a banca dixital de forma sinxela, práctica e segura, descubrindo todas as vantaxes que ofrece fronte á banca tradicional.

Durante a formación, o alumnado coñece como acceder á banca en liña desde o ordenador ou o móbil, xestionar operacións básicas como consultar saldos, realizar transferencias ou pagar recibos, e utilizar aplicacións de pago entre persoas como Bizum.

Ademais, o curso está orientado a fomentar a confianza e seguridade no uso da banca electrónica, aprendendo a protexer datos persoais e bancarios, configurar notificacións e detectar posibles fraudes ou intentos de suplantación.