O Alcalde entregou os trofeos da II Calasancio Cup, que reuniu en Monforte a equipos de máximo nivel do fútbol base do noroeste peninsular

Monforte de Lemos, 4 de decembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, entregou na noite deste sábado, 3 de xaneiro, os trofeos ao campión e ao subcampión da segunda edición da Calasancio Cup, o torneo de fútbol infantil sub-14 organizado polo Club Calasancio coa colaboración do Concello de Monforte. O evento deportivo disputouse nos campos de fútbol Álex Blanco, Luis Bodegas e A Pinguela de Monforte en dúas xornadas e enfrontou a equipos de máximo nivel de Galicia, Asturias, Castilla y León e Portugal.

O rexedor, acompañado polo Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e polo presidente do CP Calasancio de Monforte, Juan Carlos Díaz, asistiu á final, que tivo lugar no campo municipal de fútbol de A Pinguela e que enfrontou ao RC Celta de Vigo e o SC Braga. Este último proclamouse campión da II Calasancio Cup tras resultar invicto en todos os partidos que xogou no torneo. O Alcalde felicitou a ambos, campión e subcampión, na entrega dos trofeos e medallas entregadas a todos os xogadores e corpo técnico dos equipos finalistas. 

 

Compromiso co deporte base

O Concello de Monforte colabora con este torneo a través da cesión de espazos deportivos e da aportación dos premios. Neste senso, o Alcalde ratificou o compromiso do seu Equipo de Goberno co deporte base monfortino e, neste caso, co fútbol formativo e cos xoves deportistas.

Ademais, o rexedor puxo tamén en valor iniciativas como a II Calasancio Cup, que reuniu na cidade do Cabe a grandes clubs deportivos do noroeste peninsular, “ofrecendo un cartel competitivo de moito nivel e, polo tanto, unha oportunidade tamén para o público afeccionado ao deporte base”. Así mesmo, destacou a “excelente oportunidade a nivel de visibilidade, proxección e dinamización da actividade económica” que supuxo este torneo para Monforte.

A primeira fase da II Calasancio Cup celebrouse o 27 de decembro coa participación de 12 equipos. Na fase final, este sábado 3 de xaneiro, competiron un total de 20 formacións, entre as que se atopaban algunhas das mellores canteiras galegas xunto con invitados de Portugal, Asturias e Castilla y León.