
Monforte de Lemos, 7 de maio de 2026. O Concello de Monforte de Lemos celebrou esta tarde unha nova edición do tradicional Concurso de Maios e Coplas, una xornada festiva que celebra a entrada da primavera e na que o tempo acompañou cun día soleado que animou aínda máis a participación. A celebración tivo lugar na Praza de España desde as 17.30 horas, onde se foron concentrando os maios logo de percorrer as rúas da cidade ata o punto de encontro.
Os participantes foron recibidos polo Alcalde, José Tomé Roca, e pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón, así como outros Concelleiros e Concelleiras do Equipo de Goberno, e amosaron as pezas que elaboraron con flores e diversos elementos vexetais. En total, foron 16 maios os que se presentaron a concurso: 12 na categoría de maios colectivos e particulares, e 4 na de maios elaborados nos centros de ensino. O certame completouse co concurso de Coplas, no que se inscribiron 3 grupos. “Un éxito de participación, con 19 inscritos, a cifra máis alta dos últimos anos”, destacou o rexedor.
O concurso, ao que se destina unha partida de 1.905€, divídese en dúas modalidades: Maios, na que se reparte una contía total de 1.500€, e Coplas, cunha dotación de 405€.
Premios do Concurso de Maios
Establécense dúas modalidades, unha para Maios confeccionados por asociacións, colectivos e particulares, e outra dirixida especificamente a centros de ensino. O xurado valora a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade, a elaboración das pezas, os materiais utilizados, e a calidade.
Os premios, por modalidades, son os seguintes:
ASOCIACIÓNS, COLECTIVOS E PARTICULARES
1º premio 200€: Agora Centro Ocupacional. “Agora asómate á fiestra”
2º premio 150€: Geriatros Monforte
3º premio 100€: Carlos Somoza González. “O cantar do paporrubio e o espertar do Marroxo”.
Accésits 75€ cada un (concedéronse 6): Provivenda, Bruno Manodal Blasco, Abril Blanco Rajo, Afamón Monforte e Liliana Rajo López.
CENTROS DE ENSINO
1º premio 200€: CEIP Plurilingüe Monforte de Lemos. “A Galiña”
2º premio 150€: Colexio Ferroviario. “Paleta de cores, primavera de flores”.
3º premio 100€: CEIP A Gándara. “Maio con emoción”.
Accésits 75€: Fundación Torre de Lemos.
Concurso de Coplas
Neste caso, os membros do xurado valoran a interpretación das coplas, a posta en escena, a imaxinación, a idea, a orixinalidade, os instrumentos musicais utilizados e o número de compoñentes.
Estes son os premiados:
1º premio 100€: CEIP A Gándara. “Coplas dende A Gándara”.
2º premio 75€: CEIP Plurilingüe Monforte de Lemos. “Coplas da Galiña”
3º premio 50€: ANPA Fundación Torre de Lemos. “O cantar do paporrubio e o espertar do Marroxo”
O Alcalde, José Tomé Roca, destacou a boa acollida deste certame entre os colectivos, particulares e centros de ensino e celebrou a gran participación tanto no concurso como entre o público. Así mesmo, destacou a calidade das pezas presentadas: “Os participantes deben estar moi orgullosos das obras presentadas, xa que todas demostran un gran e traballo e orixinalidade, por iso desde o Concello de Monforte queremos premiar o esforzo tanto na elaboración dos maios como na composición das coplas”.