
Monforte de Lemos, 12 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer o fallo do xurado da XXI edición do Concurso de Deseño de Carteis das Festas Patronais 2026, convocado a finais do pasado mes de marzo coa finalidade de escoller o cartel anunciador das grandes festas do verán na nosa cidade.
A gañadora é Jessica Denise Bazaes Latrille, veciña de O Saviñao, que presentou o seu deseño baixo o pseudónimo “Luz da Fada”. A súa proposta foi escollida entre un total de 40 traballos presentados, o dobre que en 2025, sendo esta edición a máis participativa, con notable diferenza, dos últimos anos.
A convocatoria tivo moi boa acollida entre os monfortinos e monfortinas, que presentaron un total de 30 deseños, e o 10 restantes chegaron de diferentes localidades de Galicia e do conxunto da xeografía nacional. Concretamente, de Cambados, A Coruña, Melide, O Saviñao e A Pobra do Brollón, en Galicia, e de Madrid, Paracuellos del Jarama (Madrid), Cartagena (Murcia), León (Castilla y León) e Arre (Navarra).
Tal e como se explicaba nas bases do concurso, establécese un único premio de carácter económico dotado con 1.000€ e a utilización do deseño como cartel anunciador das Festas Patronais de Monforte 2026 e portada do programa de actividades.
Unha vez fallado o concurso, o cartel premiado queda en poder do Concello de Monforte de Lemos. A propiedade intelectual do traballo gañador corresponde igualmente á autora, non obstante, a concesión do premio leva consigo a cesión exclusiva e gratuíta en favor do Concello de Monforte de todos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación por calquera modalidade, medio ou formato, incluídos os audiovisuais, informáticos, multimedia e telemáticos.
A presentación e divulgación do cartel premiado terá lugar en próximas datas.