Monforte de Lemos, 26 de abril de 2026. Centos de corredores encheron na mañá deste domingo as rúas da cidade do Cabe coa celebración da XVI Carreira Popular de Monforte, un evento de referencia no calendario galego das carreiras populares. Este ano acadou unha inscrición de 1.280 participantes, a cifra máis numerosa desde 2018 e un 30% máis alta que en 2025.
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou no evento e foi o encargado de dar o bucinazo de saída da Carreira Absoluta, ás 12.00 horas, e de entregar os trofeos, xunto con outros membros do Equipo de Goberno, aos mellores clasificados en cada categoría.
O tempo acompañou desde primeira hora da mañá e permitiu unha animada celebración deportiva que se desenvolveu sen incidencias. Ás 11.00 horas arrancou o evento coa carreira da categoría Mini, na que participaron menores nacidos en 2022 e anos posteriores con 93 inscritos. Os máis cativos fixeron un percorrido de 80 metros e remataron con éxito o circuito. O Alcalde felicitou a cada un deles e entregoulles unha medalla e una bolsa de lambetadas a cada un deles pola súa participación.
Así, e forma progresiva, foron correndo as seguintes categorías:
As 11.10 horas saíron os PREBENXAMIN (2019-2021), con 250 inscritos. Vinte minutos despois foi a quenda dos BENXAMIN (2017-2018), con 175 dorsais. En torno ás 11.30 horas saíron os da categoría ALEVIN (2015-2016), que acadou unha inscrición de 138 participantes, e ao remate desta carreira arrancaron os INFANTIL (2013-2014) e CADETE (2011-2012), con 110 inscritos. Estas probas, en función das idades tiveron un percorrido de 700, 1.300 e 2.000 metros. Todas con saída e meta na Explanada da Compañía, a carón dos Escolapios.
Gran animación por parte do público
As diferentes probas desenvolvéronse con normalidade e moita animación por parte do público, que ateigou as rúas da Compañía e do centro urbano para animar aos deportistas. Ás 12.00 horas do mediodía arrancou a Carreira Absoluta, na que se inscribiron 514 corredores. O percorrido, de 10.000 metros, transcorreu polas rúas máis céntricas da cidade con saída da Praza da Compañía para continuar por Paseo de Lugo – Carude – San Lázaro – Reboredo – Dalmiro de La Válgoma – Escultor Francisco Moure – Rúa Sarria – Avenida de Galicia – Rúa Hortas – Rúa Dr. Casares – Paseo do Malecón – Ponte Vella – Rúa Antonio Méndez Casal – Praza Campo de San Antón – Rúa Ourense – Avenida de Galicia – Rúa Cardeal - Escultor Francisco Moure e regreso á Praza da Compañía. Este percorrido ten 5 km, polo que os corredores e corredoras tiveron que dar dúas voltas.
O Alcalde estivo acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, ademais de outros membros do Equipo de Goberno, que participaron na entrega de trofeos aos mellores clasificados. O rexedor amosou a súa satisfacción polo “gran éxito de participación nesta carreira, o que confirma que é un dos grandes eventos deportivos do nos Concello”.
Quixo resaltar “bo ambiente e animación arredor das diferentes probas que se desenvolveron ao longo da mañá”, polo que agradeceu tanto o esforzo dos corredores e corredoras como a participación dos monfortinos e monfortinas, que encheron as rúas para animar aos deportistas.
Entrega de premios
Pasadas as 13.00 horas procedeuse a entregar os premios das diferentes categorías. Todas as probas, incluídas as categorías menores, contaron cun sistema de cronometraxe con chip, agás a categoría Mini, que non é competitiva.
Os premios que se estableceron para os/as mellores atletas de cada categoría son os seguintes:
Premios por categorías: trofeo conmemorativo do evento ós/ás tres primeiros/as clasificados/as de cada unha das categorías excepto na categoría Mini na que todos/as os/as participantes que crucen a liña de meta recibirán unha medalla e unha bolsa de lambetadas.
Premios clasificación xeral: os/as tres primeiros/as clasificados/as da carreira absoluta recibirán trofeo.
Premios económicos: os/as tres primeiros/as clasificados/as da carreira absoluta recibirán premio económico segundo as seguintes cantidades:
1º clasificado: 300 €
1ª clasificada: 300 €
2º clasificado: 200 €
2ª clasificada: 200 €
3º clasificado: 100 €
3ª clasificada: 100 €
Premios especiais da carreira absoluta: haberá premio especial de trofeo e agasallo para os/as 3 primeiros/as clasificados/as locais (empadroados/as en Monforte).
Premios por equipos: recibirán trofeo os tres mellores equipos clasificados na carreira absoluta. Estes equipos deberán ser obrigatoriamente mixtos (50% homes e 50% mulleres) e estarán compostos por un mínimo de 4 compoñentes (dous homes e dúas mulleres) e un máximo de 6 compoñentes (tres homes e tres mulleres).
Todos/as os/as participantes recibirán avituallamento sólido e líquido ao finalizar a carreira, así como un agasallo conmemorativo do evento.
PREMIADOS
Os nomes dos gañadores da Carreira Absoluta tanto en modalidade masculina como feminina son os seguintes:
Absoluta masculino
Carlos López Moral
Esteban Iglesias Vila
Daniel Murado
Absoluta Feminina
Leyla Villar Abella
María Cedrón
Begoña Domínguez Montes
Por Equipos, o gañador foi A Gándara.
Para consultar a lista completa de resultados nas diferentes categorías, así como a clasificación e tempos da carreira, o Concello dispón dunha páxina web na que se ofrece a información íntegra do evento coas diferentes categorías: https://monforte10k.com/.