Monforte de Lemos, 31 de xullo de 2026.O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu o acto de inauguración e posta en marcha da nova fonte do Parque dos Condes e da urbanización da Zona D, denominada Rúa Parque dos Condes, este venres, 31 de xullo.
O acto de inauguración, do que desfrutaron miles de persoas, comezou ás 22:30 horas cando o Alcalde de Monforte pulsou o botón da posta en marcha da nova fonte, e os presentes puideron desfrutar, por primeira vez, do impacto da fonte funcionando, que causou unha gran impresión positiva e foi celebrada con un gran aplauso que se repetía co cambio das luces e chorros que se foron sucedendo durante a presentación da nova fonte.
Os milleiros de cidadáns presentes, puideron comprobar os distintos modos de programación da fonte, que conta con 5 efectos de auga distintos e un programa variable de luces, con shows especiais para momentos puntuais. Tal e como explicou o Alcalde, “a fonte ten un sistema de telecontrol e software específico que vai permitir xestionar de forma remota a programación e os efectos, e inclúe un control automático do vento, que axusta a altura dos surtidores para optimizar o consumo de auga e minimizar a dispersión en condicións climáticas adversas”.
A continuación o Alcalde, José Tomé, acompañado polo resto de membros do equipo de goberno, visitaron o resto de espazo urbanizado, paseando polos viales do parque e pola nova rúa Parque dos Condes, que quedou aberta ao público dende o momento da inauguración.
O acto de inauguración, rematou coa actuación do grupo Gin Toni's que amenizou musicalmente a apertura aos cidadáns dun novo ámbito urbano plenamente integrado na cidade, mellorando a conexión peonil e xerando novas posibilidades de desenvolvemento nesta contorna. Tal e como explicou o rexedor, “este é un paso máis no meu compromiso de mellorar o urbanismo da cidade e consiste na apertura de dúas actuacións estratéxicas, que transforman un dos espazos máis emblemáticos do centro e que quedan abertas ao público nesta mesma xornada, co remate do acto de acendido da Fonte” .
O rexedor quixo destacar que “cumprimos o compromiso adquirido cos monfortinos e monfortinas de rematar estas actuacións no mes de xullo para que poidan ser desfrutadas durante esta época do ano, especialmente durante as Festas Patronais. O Parque dos Condes estréase cunha imaxe completamente renovada e cunha fonte de cidade que está chamada a converterse nun dos grandes atractivos de Monforte, unha fonte como merece o noso Concello, unha gran fonte, unha fonte monumental, acorde co entorno”.
José Tomé subliña ademais que “esta intervención supón un antes e un despois para esta zona de Monforte, xa que combina a recuperación dun espazo verde emblemático coa creación dun novo ámbito urbano perfectamente integrado no entorno do Cardeal, da Compañía e do Paseo do Cabe”. Para o Alcalde, ambas actuacións representan “un investimento que mellora a calidade de vida da veciñanza, embelece o centro da cidade e reforza o atractivo turístico de Monforte”.
Un parque renovado cunha fonte monumental
A actuación no Parque dos Condes desenvolveuse sobre unha superficie de 2.850 metros cadrados, renovando integralmente unha parte do parque na que non se realizaban actuacións de entidade desde había anos.
O elemento máis destacado é a nova fonte ornamental circular, cun vaso de 25 metros de diámetro, equipada con diferentes programas de funcionamento, espectáculos de auga e iluminación artística nocturna, o que permitirá ofrecer distintas combinacións visuais tanto durante o día como pola noite.
O proxecto completouse coa renovación dos pavimentos, novos paseos en pedra granítica, a instalación de novo mobiliario urbano, mais que duplicando o número de bancos existentes, pasando de 14 bancos que había antes a 35 bancos que hai agora para desfrutar da sombra, e a reorganización dos espazos para favorecer o paseo, a estancia e a contemplación da fonte desde a rúa Cardeal e desde o resto do parque.
Polo que respecta ás zonas verdes, reformáronse os parterres e a superficie axardinada aumentou de 1.119,05 m² a 1.149,44 m². O incremento total é de 30,39 m². Procedeuse tamén á mellora da iluminación da zona adaptándoa á nova distribución, colocando novas farolas similares ás existentes.
A Zona D abre unha nova conexión urbana
Xunto á reforma do Parque dos Condes, inaugurouse tamén a urbanización da Zona D, unha actuación desenvolvida nun ámbito de máis de 3.200 metros cadrados situado entre a rúa Cardeal e o Paseo do Río Cabe, denominada Rúa Parque dos Condes.
O proxecto permitiu crear un novo vial de comunicación entre ambas zonas, dotando o ámbito de todos os servizos urbanos necesarios —saneamento, abastecemento, alumeado, telecomunicacións e gas—, ademais de nova pavimentación, zonas axardinadas e mobiliario urbano, sendo unha rúa peonil, vixiada por cámaras, para que os vehículos non utilicen o novo vial.
Esta intervención elimina un espazo degradado e incorpora un novo ámbito urbano plenamente integrado na cidade, mellorando a conexión peonil e xerando novas posibilidades de desenvolvemento nesta contorna.
Un novo espazo para a convivencia e o lecer
“O Parque dos Condes convértese nun espazo moderno, accesible e pensado para o desfrute de persoas de todas as idades. Estou convencido de que a nova fonte será un elemento icónico da cidade e un motivo de orgullo para todos os monfortinos e monfortinas”, conclúe José Tomé.
Tanto o Alcalde como o Equipo de Goberno convidan á cidadanía a desfrutar da fonte, da nova rúa e deste novo espazo urbano que coa inauguración queda aberto ao público.
CARACTERÍSTICAS DA FONTE
-Medidas: 25 metros de diámetro e 75 cm de profundidade exterior.
-Vaso: Único, de formigón armado e acabado en pedra en todo o seu contorno.
-Programación: Distintas posibilidades de programación para horarios de alta e baixa afluencia, así como para horas puntuais de shows, con posibilidade de programacións específicas para datas sinaladas.
-Material: Todo o material será de aceiro inoxidable.
-Tratamento da auga: Filtración da agua mediante filtro con vidrio filtrante. Sistema automático de dosificación de cloro e reductor de pH e sonda de temperatura.
-Software: específico para fontes e con sistema de telecontrol.
-Bombas: en aceiro inoxidable, de diferentes potencias segundo o efecto.
-Rebosadeiro e vaciado en aceiro inoxidable.
-Prensa estopas de aceiro para entrada de cables na fonte.
-Tubaxes: colectores de aceiro inoxidable e tuberías de PEAD.
-Iluminación: Focos RGBW DMX de aceiro inoxidable AISI316 e vidrio antivandálico.
-Control de nivel: Sonda de nivel e recheo automático do vaso.
-Control de vento: Sistema que reduce a altura dos surtidores en caso de vento.
-Vaciado e rebosadeiro: Sistema de vaciado e rebosadeiro do vaso.
-Sala técnica soterrada para mantemento da fonte con sistema de ventilación, lava ollos, cadro eléctrico.
- Novo céspede de tepe para facilitar unha rápida implantación e desfrutar dende o principio das nova zonas verde.
O video da inauguración no enlace: https://youtu.be/kPVCPtNk294