
Monforte de Lemos, 1 de outubro de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, foi o encargado de inaugurar esta mañá a primeira etapa da XIV Marcha Ciclista Unificada de Special Olympics Galicia, que tivo a cidade de Monforte como punto de partida. A xornada reuniu arredor de 60 persoas entre deportistas, adestradores, organización e persoal de apoio e seguridade, nunha iniciativa que combina deporte, convivencia e inclusión.
A Marcha desenvolverase desde hoxe e ata o 4 de outubro percorrendo as catro provincias galegas, con etapas en Monforte de Lemos, Ourense, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa.
No acto inugural, que tivo lugar no campo de fútbol da Pinguela, José Tomé deu a benvida a todas as persoas participantes e destacou o apoio do Concello de Monforte a “unha iniciativa que transcende o ámbito deportivo, sendo tamén un evento social”, ao tempo que puxo en valor que Monforte fose escollida novamente para acoller unha das etapas desta actividade organizada por Special Olympics Galicia.
Neste senso, o Alcalde salienta que este evento “non é simplemente unha marcha ciclista, senón unha iniciativa que contribúe a derrubar barreiras e a dar visibilidade ás persoas con discapacidade, ao seu esforzo e autonomía e ao seu dereito a participar plenamente na vida social e deportiva”.
Falar de inclusión, afirma o rexedor, significa “dar oportunidades e facilitar que cada persoa poida desenvolver as súas capacidades e demostrar todo o que é capaz de facer”.
O rexedor monfortino destaca tamén o papel do deporte como ferramenta para favorecer a autonomía, a confianza e a autoestima, ademais de crear espazos de convivencia e participación. “Nesta primeira etapa non saímos simplemente a percorrer 17 quilómetros, senón tamén a percorrer un camiño de inclusión e de igualdade de oportunidades”, sinala.
Un percorrido de 17 quilómetros pola cidade e a contorna
A primeira etapa contou cun percorrido circular de 17 quilómetros, con saída e chegada no Complexo Deportivo da Pinguela, atravesando diferentes puntos do núcleo urbano e da contorna de Monforte, desde Piñeira ata Ribas Altas.
Na proba participaron deportistas da Asociación Prodeme e do Club Ciclista Monforte, así como representantes de As Burgas, de Ourense; ASPAS, de Santiago de Compostela; e Fundación Eu Son, de Burela.
José Tomé pon en valor que entidades procedentes de diferentes puntos de Galicia compartan esta experiencia deportiva, destacando que “esa é outra das grandes virtudes do deporte: unir persoas, crear vínculos e facer que as diferenzas deixen de ser barreiras para converterse nunha oportunidade de coñecernos, compartir e avanzar xuntos”.

Colaboración do Concello para garantir unha etapa segura
O Concello de Monforte colaborou activamente con Special Olympics Galicia na preparación da etapa, participando no deseño do percorrido a través do técnico municipal de Deportes, co obxectivo de establecer unha ruta segura e axeitada para todas as persoas participantes.
A organización contou tamén cun dispositivo municipal de apoio e seguridade no que participaron a Policía Local e Protección Civil, así como un servizo de ambulancia e primeiros auxilios, coa presenza dun médico durante a proba.
Entrega de trofeos e medallas
Unha vez finalizado o percorrido, o Alcalde José Tomé participou no acto de clausura da etapa e entregando os trofeos e as medallas aos deportistas e participantes, como recoñecemento ao seu esforzo e á súa participación nesta primeira xornada da Marcha Ciclista Unificada.
Ao remate da xornada, José Tomé felicitou a todos os deportistas pola súa participación e reivindicou o espírito da Marcha Ciclista Unificada a través da súa mensaxe de superación: “Quero gañar, pero se non o consigo, deixádeme ser valente no intento”.
Concluíu animando a todos os participantes a continuar desfrutando das seguintes etapas da Marcha e salientando que os 17 quilómetros percorridos en Monforte representan tamén unha celebración “do que somos capaces de facer cando traballamos xuntos”.