O Alcalde inaugura a XXII Feira Medieval de Monforte, “unha das mellores festas de recreación histórica do noroeste peninsular”

Monforte de Lemos, 4 de abril de 2026. A salva de artillería disparada coa réplica dunha bombarda do século XIV, unha alborada de lume e o ‘saúdo’ do Alcalde, José Tomé Roca, en formato de lectura de pergamiño medieval abriron esta mañá na Praza de España a XXII Feira Medieval de Monforte, un  evento festivo que traslada a cidade do Cabe ao Medievo. Durante toda a xornada deste sábado e mañá domingo, Monforte revive o seu pasado medieval a través dun amplo programa de actividades e unha completa ambientación nas rúas e prazas coroada polo conxunto monumental de San Vicente.

No acto inaugural acompañaron ao Alcalde a Tenenente Alcalde, Gloria Prada, e as Concelleiras e Concelleiros de Sanidade, Pilar Espinosa; de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; de Cultura, Marina Doutón; de Deportes, José Manuel Mougán; de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, e de Medio Ambiente, Miguel Tomé. Ademais de outras autoridades e representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Na lectura do pregón, ás 12.00 horas, o Alcalde deu a benvida a toda a veciñanza e visitantes a unha nova edición da Feira e animou a todos e todas a desfrutar dunha festa que “celebra a nosa historia e o noso pasado medieval, a raizame do que hoxe somos”. Un evento, dixo, “único e singular que, grazas a vosa implicación, é hoxe un referente no calendario festivo da Semana Santa, e unha das mellores festas de recreación histórica do noroeste peninsular”. Proba disto, engadiu o rexedor, “é que estamos a piques de conseguir a declaración de Feira de Interese Turístico de Galicia”.

 

Feiras autorizadas desde 1104

Neste senso, Tomé Roca destacou que Monforte, co Castelo de San Vicente e o seu recinto amurallado, foi un “enclave estratéxico da Galicia Medieval”, e lembrou que xa no ano 1104 “os Condes de Galicia concedéronlle a Froila Díaz e a súa dona Estefanía Sánchez, Señores de Lemos, a refundación de Monforte, autorizando a celebración de feiras para sentar poboación”.

Feiras, indicou o Alcalde, “como a que agora recreamos neste conxunto histórico co seu campamento e o seu mercado medieval”. Outra das referencias históricas remóntase aos tempos dos VII Condes de Lemos, “que organizaron xogos con batallas de cabaleiros como as Xustas que hoxe e mañá poderemos desfrutar no campo de terra dos Escolapios”.

 

 

 

 

 

 

Un amplo programa de actividades

Avalada por un rico pasado histórico, a Feira Medieval de Monforte chega así á súa vixésimo segunda edición, cun amplo programa de actividades culturais e festivas con actuacións de rúa con tambores, bufóns, trobadores e personaxes fantásticos, música, espectáculos acrobáticos e de lume, xustas entre cabaleiros, tiro con arco, obradoiros, campamento infantil, espectáculos de cetrería, solta de faroliños e un mercado que se estende por todo o burgo medieval con 140 postos de gastronomía, comercio e artesanía.

O espectáculo inaugural e o ‘saúdo’ do Alcalde remataron cunha salva de artillaría disparada coa réplica dunha bombarda do século XIV e una alborada de lume. A continuación, o Alcalde acompañado polo Equipo de Goberno e o resto de convidados, visitaron a Feira Medieval percorrendo as rúas, ateigadas de público.

 

Toda a información sobre a XXII Feira Medieval de Monforte o programa completo pode consultarse neste enlace:

https://www.monfortedelemos.es/gl/xxii-feira-medieval-monforte-2026