
Monforte de Lemos, 24 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do inicio do expediente para a contratación do servizo de cafetería do Complexo Deportivo da Pinguela, que se porá en marcha proximamente. A Xunta de Goberno Local deste luns 24 de agosto acordou aprobar o inicio do expediente para a adxudicación por procedemento negociado do servizo de cafetería mediante concesión demanial.
O importe mínimo da concesión é de 400€ mensuais (4.800€/ano) ao que se engadirán os impostos correspondentes. O prazo de duración será de 2 anos, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais de ano en ano, de xeito que a duración total da presente concesión, incluídas as prórrogas, non poderá exceder de 4 anos.
Un servizo de calidade
A cafetería, completamente renovada, consta dun espazo de 105 m2 e dispón de barra e todo o mobiliario interior necesario para a explotación. Conta, ademais, cunha ampla cristaleira con vista ás piscinas.
A instalación dará servizo á Piscina Municipal e ó Pavillón Polideportivo, polo que se prevé unha alta afluencia de deportistas, clubs, persoal técnico e público asistente a eventos deportivos e público xeral.
“Son moitas as persoas usuarias que utilizan diariamente estas instalacións e queremos ofrecer un servizo de calidade”, apunta o Alcalde. Neste senso, lembra que trala reforma integral primeiro do Pavillón e posteriormente da Piscina, a infraestrutura funciona agora como un complexo deportivo xestionado de forma conxunta.
Características e horarios
A cafetería prestará servizo durante toda a tempada de apertura do complexo deportivo (de xaneiro a decembro) e estará obrigada a manter o servizo no seguinte horario mínimo e máximo:
De luns a venres:
-Mínimo: de 8.00 a 13.00 h e de 16.00 a 21.00 horas.
-Máximo: de 7.30 a 14.00 e de 15.00 a 23.00 horas.
Fins de semana e festivos:
-Mínimo: Sábados: de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 h.
Domingos e festivos: de 10.30 a 14.30 h.
Nos fins de semana e festivos nos que haxa algún tipo de evento ou competición deportiva cuxo horario non estea dentro do mínimo establecido, o concesionario deberá prestar o servizo, a excepción dos domingos e festivos en horario de tarde. Neste caso deberá abrir, como mínimo, 30 minutos antes do evento e ata 30 minutos despois do remate.
Un complexo deportivo completamente renovado
A cafetería dará servizo ao Complexo Deportivo de A Pinguela, que foi profundamente remodelado coa reforma integral do Pavillón Polideportivo no 2023 e da Piscina, inaugurada en outubro de 2025.
Ambas infraestruturas suman unha inversión de 6 millóns de euros dirixida a renovar estas instalacións deportivas “creando un complexo deportivo único, eficiente e moderno”, indica o Alcalde.