O Alcalde presenta xunto a Javier Guillén a 4ª Etapa de La Vuelta Femenina que sairá de Monforte o 6 de maio

Monforte de Lemos, 8 de abril de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o Director Xeral de La Vuelta, Javier Guillén, acompañados pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e o xerente de Carrefour Lugo, Roi Conde, presentaron hoxe na Sala de Xuntas do Concello a 4ª Etapa de La Vuelta Femenina 26 by Carrefour.es que sairá de Monforte o vindeiro mércores 6 de maio e percorrerá o centro urbano desde a Compañía ata o Morín.

Unha “moi boa noticia para Monforte, que volverá ser protagonista no panorama nacional e internacional a través dun deporte competitivo e de alto rendemento como é o ciclismo, que conta cunha gran afección a nivel mundial”, apuntou o rexedor. Nesta ocasión, a través “dunha das grandes citas do ciclismo feminino en todo o mundo, e que reunirá ás mellores corredoras do ámbito internacional”.

Tomé lembrou que Monforte xa foi sede recentemente de La Vuelta na modalidade masculina, concretamente o pasado 7 de setembro, xornada na que a cidade acolleu con gran éxito a chegada da Etapa número 15. No seu período como Alcalde, detallou, “esta é a 5ª vez que La Vuelta ten saída ou chegada en Monforte”, o que supón que “de media, cada 2 anos temos un evento relacionado con La Vuelta, cousa que poucas cidades poden dicir”.

En definitiva, indicou, “demostramos compromiso e capacidade organizativa, polo que podemos dicir que Monforte consolídase como cidade de referencia para grandes eventos deportivos como o ciclismo”, indicou.

 

“Oportunidade única de proxección internacional”

Na súa intervención, o Alcalde destacou a “oportunidade única de proxección nacional e internacional” que supón para a nosa cidade formar parte desta proba: “Estamos a falar dunha cobertura mediática que chegará a 190 países, con retransmisión en canles como RTVE e Eurosport, e cun importante despregue de medios de comunicación nacionais e internacionais”. De feito, agárdase a presenza ‘in situ’ de xornalistas especializados de 9 nacionalidades: Brasil, Francia, Italia, Colombia, República Checa, Portugal, Países Baixos, Polonia e España.

O Alcalde puxo tamén en valor o importante “impacto” que terá este evento na economía local, xa que a presenza de equipos, organización, medios e afeccionados “contribuirá a dinamizar sectores clave como a hostalaría, o comercio e o turismo”. Ademais, engadiu, “será unha ocasión excepcional para amosar ao mundo o noso patrimonio histórico e paisaxístico”.

O Alcalde quixo destacar a colaboración do Equipo de Goberno coa organización de La Vuelta, especialmente co seu Director Javier Guillén e fixo un chamamento aos monfortinos e monfortinas “para que o próximo 6 de maio, como xa fixeron o pasado 7 de setembro, saian ás rúas, participen e desfruten desta gran festa do ciclismo”.

Pola súa banda, Javier Guillén amosou o seu agradecemento pola aposta do Concello de Monforte polo ciclismo e, concretamente, pola Vuelta, “unha relación constante mantida no tempo”, e que quixo facer extensivo a toda a veciñanza de Monforte, polo seu apoio “caluroso e multitudinario”.

 

 

 

 

 

 

 

 

4ª Etapa. Monforte de Lemos-Antas de Ulla

A 4ª Etapa, Monforte de Lemos-Antas de Ulla, partirá desde a Praza da Compañía en torno ás 14.15 horas, e percorrerá algunhas das principais rúas do casco urbano: Cardenal, Avenida de Galicia, Ronda María Emilia Casas Baamonde e rúa Doctor Casares, para saír polo Morín en dirección Lugo.

Trátase dunha etapa esixente de 115 quilómetros que, tras deixar Monforte, pasará por localidades como Sarria, Láncara, O Páramo, Portomarín, Ventas de Narón, Taboada e Monterroso, para finalizar no Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla.