O Alcalde anuncia que José Manuel Silva Rodríguez ‘Cuqui Silva’ será o pregoeiro da oitava edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

Monforte de Lemos, 6 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que José Manuel Silva Rodríguez, coñecido como ‘Cuqui Silva’, será o encargado de pronunciar o pregón inaugural da VIII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo no Paseo do Malecón.

Nado en Chantada no ano 1949, José Manuel Silva é unha das personalidades galegas con maior proxección internacional nos ámbitos da agricultura, o desenvolvemento rural, a investigación e as políticas europeas. Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid participou nas negociacións da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, ocupándose especialmente das cuestións agrarias.

A súa carreira nas institucións comunitarias converteuno nun referente europeo. Ao longo de máis de tres décadas desempeñou responsabilidades de máximo nivel na Comisión Europea, sendo sucesivamente xefe das divisións de Froitas e Hortalizas, Tabaco e Viño; Director de Produtos Vexetais; Director Xeral Adxunto de Desenvolvemento Rural; Director Xeral de Agricultura, e Director Xeral de Investigación. Desde estes postos contribuíu decisivamente á definición e desenvolvemento das políticas agrarias, rurais e de innovación que marcaron o futuro do sector agroalimentario europeo.

A finais de 2014 reincorporouse á Administración española como Vocal Asesor no Ministerio de Ciencia e, ata a súa xubilación en outubro de 2019, foi representante de España no Comité Director do EuroHPC, iniciativa estratéxica europea para o desenvolvemento da supercomputación.

 

Numerosas distincións

A súa brillante traxectoria foi recoñecida con numerosas distincións. É Fillo Predilecto de Chantada, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e Oficial da Lexión de Honor da República Francesa, unha das máis altas condecoracións concedidas polo Estado francés.

Na actualidade continúa colaborando activamente en organismos científicos, tecnolóxicos e de desenvolvemento territorial como Patrono da Fundación Kaertor, membro do Consello Asesor do Barcelona Supercomputing Center, membro do Comité Científico de Galicia, do Comité Científico do CERVIM, do CORICAT de Cataluña e do Comité Consultivo de SPARC, entre outras responsabilidades.

O Alcalde, José Tomé, explica que a elección de José Manuel Silva como pregoeiro “constitúe unha homenaxe a unha traxectoria profesional excepcional profundamente vinculada ao mundo agrario e ao desenvolvemento dos territorios rurais, valores que conectan directamente coa identidade da Ribeira Sacra e coa filosofía do noso Festival do Viño”.

 

Inauguración oficial, o venres 3 de xullo, ás 21.00 horas

O pregón terá lugar o venres 3 de xullo ás 21.00 horas durante o acto oficial de inauguración do Festival, xusto despois da actuación dos Xograres de Lemos.

A VIII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra contará coa participación de 27 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e 12 propostas gastronómicas, ademais dunha ampla programación que inclúe catas temáticas, unha masterclass internacional impartida por Jonas Tofterup, Master of Wine, actividades infantís, ViñoRutas polos canóns do Sil e do Miño e as actuacións musicais de A Roda e Galifunik, ademais da citada dos Xograres de Lemos.