O Alcalde anuncia a licitación das obras de mellora do pavimento da Avenida de Galicia- Rúa Chantada e Rúa Vigo, por un importe de 280.000€

Monforte de Lemos, 11 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a licitación de senllos proxectos de mellora da pavimentación da Avenida de Galicia-Rúa Chantada e Rúa Vigo, por un importe conxunto de 278.304,15€.

Ambas actuacións están incluídas no plan de investimentos en infraestruturas viarias que anunciou o rexedor a pasada semana e que comprende unha decena de actuacións en rúas do centro urbano e da zona rural que suman un orzamento de 1.059.733,23€. Este programa de obras, indica o rexedor, “vai permitir seguir mellorando tanto as parroquias como rúas e barrios da cidade, reforzando a seguridade viaria e as comunicacións e, en definitiva, mellorando a calidade de vida da veciñanza”.

A Xunta de Goberno Local na sesión deste luns, 11 de maio, deu luz verde á licitación dos dous primeiros proxectos que afectan á Avenida de Galicia-Rúa Chantada, unha das principais arterias de comunicación da cidade, e á Rúa Vigo, que vai mellorar notablemente a seguridade viaria no barrio do Casar.

A licitación publicouse hoxe na Plataforma de Contratación Pública e o prazo para presentar ofertas en ambos procedementos finaliza o 8 de xuño.

 

Avenida de Galicia-Rúa Chantada, desde o Cardenal ata a Rotonda do Hórreo

A intervención na AVENIDA DE GALICIA-RÚA CHANTADA licitouse por un importe de 163.300,80€ IVE incluído e un prazo de execución das obras de 1 mes. A actuación esténdese desde o cruce coa rúa Cardenal ata a Rotonda do Hórreo.

A lonxitude total da vía na que se vai actuar é de 1.020 m, cun ancho medio de 8,25 me unha superficie total de 8.415 m².

Esta rúa forma parte da rede viaria municipal do Concello de Monforte, logo da recente cesión da titularidade por parte da Xunta de Galicia, publicada no DOG o pasado 22 de febreiro. O Alcalde indica que a intervención nesta vía “é moi necesaria, dado que xa había moito tempo que non se actuaba e o firme está moi deteriorado, con presenza de auga nalgunhas zonas, polo que se aconsella unha renovación integral”. 

Os traballos previstos consisten no fresado completo do firme actual da vía, colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente e, por último, pintado de marcas viarias, símbolos e cebreados.

 

Rúa Vigo, desde o cruce coa estrada da Vide ata o barrio do Casar

No caso da RÚA VIGO, o investimento previsto é de 115.003,35 € IVE incluído, e un prazo de execución das obras de 1 mes. A actuación contempla a renovación do firme desde o cruce coa estrada da Vide ata o final do barrio do Casar, incluíndo a reparación de cortes existentes debido ás obras ou avarías da auga, así como a correcta sinalización en toda a rúa. Neste senso, o Alcalde destaca que este proxecto “vai permitir unha boa urbanización do barrio do Casar”.

As obras proxectadas consisten na rexeneración do firme nunha lonxitude de vía de 605 m, cun ancho medio de 10,36 m, e unha superficie total de 6.270 m².

A vía forma parte da rede viaria municipal e actualmente aconsella unha actuación completa de renovación do firme. Os traballos comezarán co fresado de todo o firme, barrido da zona de actuación e colocación de nova capa de rodadura de aglomerado en quente. Finalmente, procederase ao pintado de marcas viarias, símbolos e cebreados.

 

Próximas licitacións

O plan de investimentos por máis de 1M€ anunciado polo Alcalde inclúen actuacións en outras rúas do centro urbano, concretamente, en Calvo Sotelo, Pintor Luis Seoane e Montepando-Brouza Brey.

Prevense tamén actuación no rural coa mellora de rúas e pistas en Piñeira, Marcelle, Ribasaltas e San Julián de Tor.

Estas actuacións licitaranse en próximas datas co obxectivo de que todos os proxectos estean executados a finais deste ano 2026.