Monforte de Lemos, 4 de febreiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca; a Tenente Alcalde, Gloria Prada; os Concelleiros de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; Deportes, José Manuel Mougán, e Consumo, Regina López, sumáronse esta mañá ao acto conmemorativo do Día Mundial contra o Cancro organizado pola Delegación de Monforte da Asociación Española contra o Cancro (AECC). O acto principal, ao que asistiron outros membros da Corporación municipal, así como veciños e veciñas de Monforte, tivo lugar ás 12.00 horas na zona peonil da rúa Cardeal e consistiu na lectura dun manifesto a cargo dunha paciente oncolóxica.
O Día Mundial contra o Cancro conmemórase todos os anos o 4 de febreiro. Con tal motivo, a Delegación monfortina da AECC instalou unha mesa na rúa Cardeal desde as 10.30 horas para informar sobre a campaña e facer difusión de todos os servizos que ofrecen. Así mesmo, desde o Concello de Monforte procederase a iluminar esta noite a Torre da Homenaxe coa cor verde en recordo desta data.
O Alcalde José Tomé reafirmou o compromiso “firme e constante” do seu Equipo de Goberno coa Asociación Española contra o Cancro, “xa que desenvolve unha importante labor de investigación e asesoramento en relación cunha enfermidade que, desgraciadamente, está moi estendida na nosa sociedade”. De feito, o cancro é uno dos problemas sociosanitarios máis importante a nivel nacional e mundial. En España, hai 2,2 millóns de persoas con algún tipo de cancro e cada ano diagnostícanse case 300.000 novos casos, unha tendencia que vai á alza, debido entre outros factores ao envellecemento da poboación e aos hábitos de vida menos saudables.
O Concello colabora estreitamente coa AECC a través da cesión de 3 locais para a delegación de Monforte, desde os que esta Asociación presta atención e asistencia a pacientes oncolóxicos e familiares, e tamén na organización da Carreira e Andaina contra o Cancro que se celebra todos os anos en setembro.