O Alcalde destaca que a participación de Monforte na 70ª Asamblea da Rede de Xuderías de España celebrada en Melilla “reforza a promoción turística da nosa cidade”

Monforte de Lemos, 11 de setembro de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, e a Tenente Alcalde, Gloria Prada, participaron hoxe en Melilla na 70ª Asemblea Xeral Ordinaria da Rede de Xuderías de España-Camiños de Sefarad, un encontro que reuniu representantes dos 27 municipios que actualmente forman parte desta entidade, o momento de maior expansión xeográfica da historia desta entidade trala incorporación neste último ano de 6 novas cidades, unha delas a autónoma de Melilla.

Na actualidade, a Rede de Xuderías de España está integrada por Ávila, Barcelona, Béjar, Cáceres, Calahorra, Córdoba, Estella-Lizarra, Hervás, Jaén, León, Lorca, Lucena, Monforte de Lemos, Plasencia, Ribadavia, Sagunto, Segovia, Tarazona, Toledo, Tudela e Tui, ás que se suman 6 novas incorporacións aprobadas na 68ª Asemblea celebrada o pasado mes de decembro de 2025 e ratificada na 69ª Asamblea, en abril: Sevilla, Calatayud, Cidade Autónoma de Melilla, Uncastillo, Llerena e Valencia de Alcántara.

A presenza do Concello nesta Asamblea, destaca José Tomé, “reforza aínda máis a participación da nosa cidade nunha rede que traballa de maneira conxunta na conservación, promoción e posta en valor do patrimonio histórico”. Estar presente neste tipo de encontros, engade o rexedor, “supón unha oportunidade magnífica para dar a coñecer a enorme riqueza monumental, cultural e paisaxística de Monforte e contribuír á promoción turística da cidade e da Ribeira Sacra”.

Neste senso, destaca o feito de “poder compartir experiencias con outras cidades e impulsar iniciativas que teñen tamén unha repercusión positiva para o turismo, o comercio e a hostalería”.

 

Contido da Asamblea

Durante a Asamblea abordáronse diferentes cuestións relacionadas co funcionamento da Rede e co desenvolvemento do Plan de Acción Estratéxica e Proxectos 2026, que articula as actuacións da entidade nos ámbitos turístico, cultural, patrimonial e académico. Tamén se puxo o foco na proxección internacional dos Camiños de Sefarad e na presenza da Rede en diferentes mercados turísticos.

Neste sentido, anunciáronse novas accións de promoción internacional, entre elas a presentación institucional que terá lugar o próximo 11 de novembro en Miami, así como actuacións desenvolvidas en colaboración con Turespaña en diferentes destinos internacionais. A entidade conta tamén cun convenio coa Confederación Española de Axencias de Viaxes (CEAV), que incorpora o legado sefardí das 27 cidades da Rede á oferta de miles de axencias de viaxes españolas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Aposta do Equipo de Goberno pola divulgación do legado histórico

A participación de Monforte na Asemblea de Melilla dá continuidade ao traballo que o Concello desenvolve no marco da Rede de Xuderías e á aposta municipal pola divulgación do legado xudeu da cidade. Precisamente, o pasado 6 de setembro, con motivo da Xornada Europea da Cultura Xudía, o Concello organizou dúas visitas guiadas pola zona de ámbito xudeu de Monforte, que tiveron unha excelente acollida por parte do público.

Para José Tomé, iniciativas como esta permiten “achegar á cidadanía e aos visitantes unha parte da historia de Monforte que forma parte do noso patrimonio e que queremos seguir dando a coñecer”.

 

Monforte, cidade integrante da Rede de Xuderías

Monforte de Lemos forma parte da Rede de Xuderías de España-Camiños de Sefarad, asociación fundada en 1995 que promove de maneira conxunta o legado dos municipios españois vinculados á presenza histórica das comunidades xudías, e recoñecida como Itinerario Cultural do Consello de Europa.

A cidade monfortina tivo ademais un papel destacado na organización, xa que presidiu a Rede no ano 2023 e acolleu nese mesmo ano a celebración da 63ª Asemblea, no Palacio Condal do Parador de Turismo, no Conxunto Monumental de San Vicente.

O Alcalde considera que a participación activa de Monforte na Rede “nos permite estreitar a colaboración con outras cidades, compartir iniciativas e seguir traballando para que este patrimonio sexa tamén un elemento de promoción cultural e turística de Monforte”.