O Alcalde informa da adxudicación das obras de renovación do firme das rúas 1 e 2 do Polígono Industrial do Reboredo

Monforte de Lemos, 19 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de anunciar a adxudicación do contrato para a mellora de infraestruturas viarias no Polígono Industrial do Reboredo, concretamente dun tramo da rúa 1 e a rúa 2 completa, nunha superficie total de 7.492 m2. A execución destas obras adxudicouse á empresa Aglomerados y Construcciones Valdeorras S.A. (ACOVAL S.A.) por un importe de 127.606,42 euros e un prazo de execución de 1 mes desde a sinatura da acta de replanteo.

Esta actuación súmase á recente adxudicación a Petrolam por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil das obras para a instalación da rede separativa de augas pluviais e residuais na rúa 4 do polígono. Esta intervención completará a mellora integral do saneamento no conxunto desta área empresarial, de cara á posta en marcha da nova depuradora, cuxa construción está próxima a rematar.

As actuacións previstas nas rúas 1 e 2 que acaba de adxudicar o Concello consisten na rexeneración do firme de ambos viais, pertencentes á rede viaria municipal do Concello de Monforte, que precisan desta intervención, xa que na actualidade presentan un deficiente estado de conservación, con fochancas, roturas de pavimento e desniveis.

A rexeneración do firme consistirá no fresado do pavimento actual das vías afectadas e a aplicación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente de 4 cm de espesor, mantendo a cota das dúas rúas.

Nun primeiro lugar, procederase ao fresado do firme ata unha profundidade de 4 cm e limpeza enérxica, por medios mecánicos, da superficie de pavimento existente. Posteriormente, procederase a aplicar a nova capa de rodadura, consistente en aglomerado en quente, de 4 cm de espesor, estendido e compactado.

A actuación completarase co realce de tapas de pozos, arquetas, sumidoiros e demais elementos existentes na calzada e o pintado das marcas viais correspondentes.

 

Mellora integral do Polígono Industrial do Reboredo

O Alcalde destaca que “esta actuación, xunto coa ampliación e ordenación do Polígono que temos proxectada, a construción da nova depuradora e a mellora integral da rede de saneamento, supón un paso máis no compromiso deste Equipo de Goberno co crecemento industrial de Monforte”. 

Neste senso, lembra que o pasado mes de xuño, o Pleno da corporación aprobou dúas importantes iniciativas que teñen que ver co desenvolvemento do polígono. Concretamente, o proxecto de modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento do Polígono Industrial do Reboredo, que ten por obxectivo de actualizar a ordenación deste espazo empresarial e acometer a súa ampliación nunha superficie total de 52,91 hectáreas.

E por outro, o citado proxecto construtivo de separación e tratamento de augas pluviais, unha actuación que permitirá completar a adaptación de toda a rede de saneamento do parque empresarial ás esixencias normativas actuais, dentro do convenio subscrito entre o Concello de Monforte e a CHMS para a construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) do polígono, unhas obras que se atopan actualmente nun avanzado estado de execución.

“Con estas actuacións queremos poñer todo da nosa man para favorecer a implantación e o crecemento das empresas no noso municipio, e con isto facilitar o crecemento de Monforte en oportunidades económicas e, polo tanto, en poboación”, incide José Tomé.

Así mesmo, o pasado 10 de xullo o Alcalde inaugurou o novo estacionamento do Polígono, unha instalación con capacidade para 17 camións, 64 turismos, 2 prazas de aparcamento adaptadas e 4 prazas con cargadores eléctricos. A construción deste novo aparcamento supuxo un investimento total de 305.250,57 euros, financiado exclusivamente con fondos do Concello de Monforte.

Neste senso, José Tomé subliña que “cada actuación que facemos no Polígono do Reboredo responde ao compromiso deste Equipo de Goberno de seguir mellorando as infraestruturas dun dos principais motores económicos de Monforte e da comarca. “Cada investimento que realizamos neste espazo contribúe a facelo máis atractivo para a implantación de novas empresas, a consolidar as que xa desenvolven aquí a súa actividade e, en definitiva, a favorecer a creación de riqueza e de emprego”, afirmou.

 

Un polígono modernizado e practicamente sen parcelas dispoñibles

José Tomé lembra que na última década o Polígono Industrial do Reboredo leva experimentado importantes melloras en infraestruturas e servizos, entre as que destacan a renovación do viario, a mellora da iluminación pública, a ampliación das redes de saneamento, a creación de novas rúas e zonas de estacionamento, así como a mellora dos espazos públicos.

Estas actuacións contribuíron a incrementar a actividade empresarial e propiciaron a venda da práctica totalidade das parcelas dispoñibles, circunstancia que levou ao Equipo de Goberno a impulsar unha ampliación que permita responder á demanda existente e facilitar o crecemento das empresas xa implantadas.

Coas actuacións actualmente en marcha, explica o Alcalde, “traballamos para ter un polígono moderno e adaptado ás necesidades actuais das empresas”. O obxectivo, engade, “é ofrecer novas oportunidades de implantación e crecemento ás empresas para facilitar que o crecemento industrial de cabeceiras de comarca como é o caso de Monforte fagan posible á súa vez seguir crecendo en poboación e axudar a reter poboación tamén noutros Concellos”, concluíu o rexedor.