O Alcalde fai un balance “moi positivo” do V Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos

Monforte de Lemos, 28 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, fai un balance “moi positivo” do V Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos, que rematou este xoves cos concertos na Praza de España de 7 ROJO e EL MUNDO DE SOFÍA BAND. O certame desenvolveuse durante seis xornadas coa participación de unha decena de bandas locais que levaron a música en directo a distintos espazos de Monforte.

Ao longo do ciclo, incluído no programa do Verán Cultural do Concello de Monforte, actuaron os grupos SEGUNDA PARTE, ROCKIN’KB, NECTARINE SOUL, GALGA BLUES BAND, BELLA CHAOS, MOVILLA Y LOS IRREPETIBLES, DEUCE, LOS JINETES DEL TRÓPICO, 7 ROJO e EL MUNDO DE SOFÍA BAND con concertos nas prazas de España, da Estación e da Compañía.

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, cualifica de “moi exitoso” o desenvolvemento desta quinta edición, tanto pola participación dos grupos monfortinos como pola animación que se viviu nas diferentes xornadas e, especialmente, pola afluencia de público que acompañou aos músicos nos distintos concertos.

“O balance que facemos desta quinta edición é moi positivo. Tivemos unha magnífica participación dos grupos monfortinos, concertos moi animados e, sobre todo, unha excelente resposta por parte da cidadanía, que desfrutou da música en directo”, sinala o Alcalde.

José Tomé destaca tamén que esta iniciativa permite dar visibilidade e proxección ao talento musical local, ofrecendo ás bandas monfortinas un escenario para presentar o seu traballo ante a veciñanza e, ao mesmo tempo, contribuír a dinamizar a actividade cultural e a vida das rúas e prazas da cidade. Neste senso, agradece a participación de todos os grupos, así como a asistencia e o apoio do público.