
Monforte de Lemos, 13 de setembro de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, e o Bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, inauguraron este domingo a reforma da igrexa de Santa María de Baamorto na que se executaron obras de restauración nas cubertas do adro. Así mesmo, o prelado lucense oficiou a misa das 13.00 horas nunha celebración que permitiu á veciñanza coñecer de primeira man o resultado dos traballos realizados no templo.
A actuación forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Deputación Provincial de Lugo e a Diocese de Lugo o pasado 9 de outubro de 2025, durante a etapa de José Tomé como Presidente da institución provincial. O acordo contempla obras de mellora en nove templos da provincia, tres deles no Concello de Monforte —Baamorto, Rozavales e A Penela— incluídas no convenio a iniciativa expresa do propio Alcalde.
O investimento no conxunto dos tres templos monfortinos ascende a 112.700 euros, unha partida cofinanciada pola Deputación e pola Diocese de Lugo.
Durante o acto na igrexa de Santa María de Baamorto, o Alcalde destacou a satisfacción por comprobar o resultado dunha actuación que, segundo explicou, “é unha proba do meu compromiso e do meu Equipo de Goberno co patrimonio e coas parroquias rurais, porque conservar as igrexas é tamén conservar a historia, a arquitectura e a vida social do noso territorio”. As igrexas, apuntou, “non son só espazos de culto, senón lugares de encontro e convivencia veciñal que manteñen tamén a cultura e as tradicións”.
“Como Presidente da Deputación quixen que Monforte estivese presente neste convenio e que as nosas parroquias tamén puidesen beneficiarse deste investimento. Hoxe podemos ver esa decisión traducida en obras concretas e en patrimonio recuperado”, sinalou José Tomé.
Así mesmo, agradeceu a colaboración da Diocese de Lugo e salientou a importancia de que “as administracións sexamos capaces de sumar esforzos para conservar o patrimonio que temos e garantir que poida seguir formando parte da vida das nosas parroquias durante moitos anos”.
Pola súa banda, o Bispo de Lugo expresou tamén o agradecemento ao Alcalde por esta colaboración que permite conservar vivo o patrimonio relixioso no entorno rural e que poida pasar de xeración en xeración.
Do mesmo xeito, o colectivo veciñal expresou o seu agradecemento ao Alcalde polo seu compromiso coa parroquia de Baamorto, destacando que a igrexa de Santa María é, precisamente, “un símbolo do patrimonio vivo, un lugar de acollida, de encontro con Dios e de convivencia”.
Actuacións en tres igrexas
O rexedor monfortino subliña que a intervención en Baamorto “non é unha actuación illada, senón parte dun compromiso máis amplo co patrimonio das parroquias rurais de Monforte”, lembrando que o convenio inclúe actuacións tamén nas igrexas de Santa María de Rozavales e Santa María da Penela.
Así mesmo, agradece a colaboración da Diocese de Lugo e salientou a importancia de que “as administracións sexamos capaces de sumar esforzos para conservar o patrimonio que temos e garantir que poida seguir formando parte da vida das nosas parroquias durante moitos anos”.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE BAAMORTO
Situada no núcleo das Devesas fronte á Casa Priorado, esta igrexa foi reformada nos séculos XVII e XVIII e conserva algúns restos románicos. A porta principal situada ao oeste é de medio punto con moldura barroca. Na fachada principal presenta tamén un reloxo e campanario de dous vans. A nave rectangular está cuberta a dúas augas de madeira rematada en tella.
Destaca o soportal que rodea a igrexa nas fachadas oeste e sur. Na fachada sur tamén se atopan interesantes pinturas murais que a cobren en toda a súa extensión. O retablo maior é neoclásico e conta con esculturas da Asunción e dous anxos. Os outros dous retablos situados na capela maior son tamén neoclásicos.
A recente intervención centrouse sobre todo no adro do templo, coa retirada da cobertura existente de tella cerámica curva e a colocación dun novo sistema formado por panel de fibrocemento libre de amianto e enrastrelado simple, sobre o que se instalou novamente a cobertura de tellas cerámicas curvas. O investimento destinado a esta actuación ascendeu a 29.400 euros.
O convenio entre a Deputación Provincial del Lugo e a Diócese de Lugo inclúe tamén:
IGREXA DE SANTA MARÍA DE ROZAVALES:
Situada no núcleo de Rozavales, é unha igrexa de planta de cruz grega e nave con cuberta de madeira a dúas augas e capelas nos brazos do cruceiro co que comunican con arcos de medio punto. O arco triunfal é peraltado. A capela maior presenta catro vertentes e a sancristía está arrimada ao alzado norte do presbiterio. Presenta un pórtico cuberto diante da capela esquerda. O retablo maior neoclásico, xaspeado, e con ornamentación rococó e inscrición SE REEDFICO E PEDRÉS ANO DE 1846, presenta entre outras a escultura da Asunción. É interesante unha imaxe de Santa María sedente co neno en brazos de tradición románica e gusto goticista. Así mesmo, destacan algunhas curiosidades como unha pequena fiestra de pedra na zona da altar de tipoloxía prerrománica ou o feito de que os tres arcos do interior do templo arrinquen directamente do chan.
A intervención, actualmente en marcha, consiste na renovación da cuberta, abarcando a substitución completa da lousa e das táboas, así como doutros elementos de madeira que se atopen en mal estado. As melloras previstas contemplan tamén a colocación de canalóns semicirculares e baixantes circulares de zinc en todo o seu perímetro, ademais de traballo de repaso dos encontros do campanario sobre a fachada principal. Esta actuación ten un orzamento de 39.300€.
IGREXA DE SANTA MARÍA DA PENELA:
Da súa orixe románica só queda a torre das campás e a portada principal. Esta presenta arco dobrado de medio punto e guarnición de grosas perlas, alén de moldura de billetes en directriz apuntada. A torre das campás está separada do corpo do templo. É de planta cadrada, porta de arco semicircular e van para as campás por cada un dos lados.
Unha inscrición en latín nun dos lados da torre alude ao nome do construtor e á data do edificio: EGO PELAGIUS FECI HANC TURRIM, ERO MEMORIAM ERA MILLESIMA DUCENTESSIMA, PRIDIE IDUS IULII. No retablo principal, salomónico, atópase unha escultura de Santa Bárbara.
A actuación xa executada ten un importe de 44.000€ e comprende a renovación das tellas de toda a cuberta da igrexa, empregando novas pezas curvas tradicionais en lugar das mixtas actuais, colocadas sobre placas onduladas libres de amianto. No soportal será necesario substituír a maiores algunha peza puntual de madeira da cuberta, por atoparse estas moi danadas. Colocación de canalóns e baixantes de zinc.