O Alcalde anuncia a bonificación do 50% no ICIO na licencia concedida a Prodeme para a construción dun centro residencial

Monforte de Lemos, 30 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar o recoñecemento dunha bonificación do 50% na cota do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) na concesión de licencia á Asociación Prodeme para levar a cabo obras de construción dun centro de atención residencial para a atención de persoas adultas dependentes con discapacidade.

Concretamente, a Xunta de Goberno Local deste luns, 29 de xuño, aprobou a concesión da licenza para unha edificación con 34 apartamentos tutelados e un total de 128 prazas residenciais para persoas con discapacidade, así como a cota do imposto do ICIO, que ascende a un total de 77.612,57 euros, contía que será bonificada polo Concello nun 50%, reducíndose á metade.

Esta exención tributaria foi aprobada por unanimidade este mesmo luns na sesión ordinaria do pleno correspondente ao mes de xuño, na que se declarou o “especial interese e utilidade municipal” do proxecto presentado pola Asociación Prodeme para a construción de vivendas residenciais para persoas con discapacidade intelectual, trastorno dual el persoas maiores, polos seus “evidentes beneficios sociais e pola súa contribución á dinamización de emprego no municipio”, tal e como recolle o acordo.

 

Interese social

O edificio previsto está situada na rúa Ourense, nas parcelas 172-184. Consta de planta baixa e entreplanta destinadas a zonas comúns, e 5 plantas altas destinadas á vivendas tuteladas.

O Alcalde, José Tomé, destaca o “interese social” deste proxecto e reafirma o compromiso do Equipo de Goberno coas entidades sociais e os colectivos máis vulnerables. “Coa bonificación no ICIO damos facilidades a un proxecto que favorece o arraigo destas persoas no noso municipio, ao tempo que apoiamos unha iniciativa que ademais de impacto social ten impacto na economía local, xa que suporá a creación directa de postos de traballo coa contratación do persoal encargado da atención e mantemento do centro”, indica o rexedor.

A posta en marcha deste centro suporá a contratación de psicólogos, educadores sociais, persoal de enfermería, coidadores, persoal de mantemento, entre outros. Ademais, será un punto de dinamización do comercio local e de proximidade, xa que a maior parte dos seus provedores serán do municipio.