
Monforte de Lemos, 28 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto co Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, clausurou hoxe o XIII Campus de Voleibol Ribeira Sacra, organizado polo Club Voleibol Ribeira Sacra coa colaboración do Concello de Monforte.
Esta nova edición do campus celebrouse do 23 ao 28 de agosto e contou coa participación de 63 deportistas con idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos, que estiveron dirixidos por oito adestradores e adestradoras. Para o desenvolvemento das actividades creáronse catro grupos de rapaces e rapazas en función da idade dos participantes e do seu nivel técnico.
No acto de clausura, que tivo lugar no Pavillón Polideportivo da Pinguela, e no que tamén participou o director do C.V. Ribeira Sacra, Manolo Martínez, os deportistas recibiron medallas conmemorativas que foron entregadas polo Alcalde e o Concelleiro de Deportes.
O Alcalde, José Tomé, destaca a alta participación de deportistas neste evento e remarca a aposta do Concello de Monforte polo deporte base como unha das prioridades do seu Equipo de Goberno dentro das políticas en materia deportiva. Neste caso, apoiando a canteira que fai de Monforte unha referencia para o voleibol en Galicia.