
Monforte de Lemos, 26 de outubro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia a construción dunha nova pista polideportiva no barrio das Cruces, unha actuación que foi adxudicada á empresa Misturas Obras e Proxectos, S.A., por un importe de 47.429,33 euros, cun prazo de execución de 2 meses.
O rexedor pon en valor esta intervención, xa que “permitirá dotar o barrio dunha nova infraestrutura deportiva ao aire libre, ampliando os espazos dispoñibles para a práctica do deporte e favorecendo que a veciñanza das Cruces e do seu entorno conte con instalacións próximas ás súas casas”, indica.
Un novo espazo para practicar deporte no barrio
A nova pista terá unhas dimensións de 30 metros de lonxitude por 18 metros de anchura e estará preparada para a práctica deportiva.
O proxecto desenvolverase nunha parcela de titularidade municipal situada no barrio das Cruces, cunha superficie aproximada de 2.650 metros cadrados. Neste senso, o rexedor subliña tamén a importancia de “aproveitar os terreos municipais para crear novos espazos de uso público e poñelos ao servizo da cidadanía, contribuíndo a mellorar o entorno urbano e, neste caso, as oportunidades para a práctica deportiva”.
Os traballos contemplan a preparación e nivelación do terreo, a retirada da terra vexetal e a execución dunha base de zahorra compactada sobre a que se colocará a solera de formigón pulido.
A intervención inclúe tamén o pintado e marcaxe das pistas, así como a colocación dunha rede de protección deportiva nun dos laterais e nun dos fondos da instalación.
Ademais, construiranse taludes suaves nos catro lados para facilitar a integración da pista no seu contorno e executarase un peche no lado leste da parcela, unha cimentación de formigón armado e parte superior de bloque de formigón liso cara vista de 1,50 m de altura.
Mellora dos equipamentos municipais
Con esta intervención, o Equipo de Goberno do Concello de Monforte continúa a ampliar e mellorar a rede de equipamentos municipais, apostando pola creación de espazos públicos que favorezan a práctica deportiva, a vida saudable e o desfrute da veciñanza.
“Damos un novo paso na mellora dos equipamentos municipais e na creación de espazos para que a veciñanza poida practicar deporte preto das súas casas. Seguimos avanzando na mellora de Monforte, atendendo as necesidades dos barrios e creando espazos que redunden no benestar da cidadanía”, conclúe o Alcalde.