
Monforte de Lemos, 24 de novembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da convocatoria dunha nova edición do Certame de Poesía Infantil de “Nadal 2026” dirixido ao alumnado dos centros de ensino da cidade. A Xunta de Goberno Local aprobou as bases do concurso na sesión ordinaria deste luns, 23 de novembro, polo que xa está aberto o prazo para que os escolares presenten as súas propostas.
Organizado pola Biblioteca Pública Municipal de Monforte en colaboración coa Biblioteca Nodal de Lugo, ten por obxectivo dinamizar a lectura, promover o uso do galego, e fomentar a creatividade entre as xeracións máis novas.
O Alcalde anima a todos os nenos e nenas, así como aos adolescentes de Monforte, a participar nunha nova edición deste certame, “unha iniciativa que xa é unha cita tradicional nestas datas e que busca achegar a lectura e a creación literaria aos máis novos”, afirma.
Con esta proposta, engade José Tomé, “queremos que os escolares teñan a oportunidade de desenvolver as súas capacidades literarias, ao tempo que desde o Concello fomentamos o uso da nosa lingua e o gusto pola lectura e pola escritura”.
Bases do Certame de Poesía Infantil “Nadal 2026”
O certame está aberto á participación de nenos e nenas, rapaces e rapazas ata os 16 anos, e establécense tres categorías: A, ata 8 anos; B, de 9 a 11 anos, e C, de 12 a 16 anos.
A temática dos poemas é o Nadal e deberán redactarse en galego. As propostas que se presenten poderán ter unha extensión máxima dun folio por unha soa cara e escribirse a computador ou a man (neste último caso con bolígrafo, non lapis) .
Cada autora ou autor poderá presentar cantos traballos desexe con cadansúa folla de datos cumprimentada en letra maiúscula lexible. Os datos identificadores irán nesta folla de datos, e non no traballo presentado.
Os traballos deberán entregarse na Biblioteca Pública Municipal Lois Pereiro de Monforte, co 30 de decembro de 2026 como data límite para entregar os poemas.
Os traballos premiados participarán na fase provincial
O fallo do xurado farase público no mes de xaneiro do 2027. Os traballos premiados recibirán un diploma acreditativo e un lote de libros como agasallo, e poderán participar na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Ademais, a Biblioteca publicará cada ano un libriño conmemorativo que recolle os traballos premiados o ano anterior.
“Agardo que, un ano máis, teñamos unha ampla participación e que este certame nos permita descubrir novos talentos literarios entre os nenos, nenas e adolescentes de Monforte”, conclúe o rexedor.