O Alcalde informa do dispositivo especial de tráfico organizado con motivo da eclipse solar do 12 de agosto

Monforte de Lemos, 10 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé, informa do dispositivo especial de tráfico que se establecerá con motivo da eclipse solar que se producirá este mércores 12 de agosto, e que poderá verse de xeito total na nosa cidade, xa que o municipio atópase dentro da franxa de escuridade.

Segundo as previsións, a eclipse comezará a ser visible de forma parcial ás 19:32:32 horas. A fase de totalidade dará comezo ás 20:29:12 horas e rematará ás 20:29:53 horas, polo que o período de escuridade total terá unha duración de 41 segundos. O fenómeno finalizará ás 21:22:53 horas.

O Alcalde destaca que “a nosa cidade está situada nunha das franxas privilexiadas para contemplar esta eclipse solar, converténdose nun dos mellores lugares de Galicia e de toda España para vivir un espectáculo natural que miles de persoas, afeccionadas á astronomía e visitantes chegados de distintos lugares, levan anos esperando”, afirmou.

Co obxectivo de facilitar a observación da eclipse e, ao mesmo tempo, garantir a seguridade e a mobilidade na cidade ante a previsión dunha gran concentración de persoas, a Policía Local ten previsto un dispositivo específico de control do tráfico.

 

Tres puntos de observación

Os principais puntos de observación propostos polo Concello de Monforte son o Polígono Industrial do Reboredo, o Porto Seco e o entorno do conxunto monumental de San Vicente.

Tal e como indica a Policía Local, nos recintos do Polígono Industrial e no Porto Seco, polas súas dimensións e estrutura viaria, non se van adoptar medidas especiais, de xeito que o tráfico de vehículos e o estacionamento faranse conforme á sinalización existente en cada caso e ás normas de circulación.

Non obstante, realizarase un control específico do tráfico nestes puntos e adoptaranse as medidas que resulten necesarias en función da afluencia de vehículos durante o desenvolvemento do evento.

 

 

Medidas especiais no acceso a San Vicente

No caso do acceso ao conxunto monumental de San Vicente, estableceranse medidas específicas debido á previsión dunha maior concentración de persoas e vehículos.

En primeiro lugar, procederase á supresión completa do estacionamento en todo o tramo de subida desde o Campo da Virxe ata a Praza de Luis de Góngora y Argote. O estacionamento na propia praza manterase nas condicións habituais.

A partir das 18:00 horas, establecerase tamén circulación nun único sentido nas rúas Real e Santo Domingo. Deste xeito, os vehículos deberán subir pola rúa Real e baixar pola rúa Santo Domingo. Desde esa hora quedará prohibida a circulación en sentido ascendente por Santo Domingo desde a rúa Ricardo Quiroga e a Praza de España.

Así mesmo, desde as 18:00 horas e ata a finalización do evento, quedará prohibido o acceso rodado desde o Campo da Virxe ata a Praza de Luis de Góngora y Argote, agás para as persoas aloxadas no Parador, taxis e vehículos de servizos públicos oficiais.

O Concello lembra que estas medidas son as inicialmente previstas e poderán ser adiantadas ou modificadas en función das necesidades de organización do tráfico e da afluencia de vehículos que se rexistre en cada momento.

Por este motivo, o Concello solicita a colaboración da cidadanía e recomenda planificar os desprazamentos con antelación, utilizar os itinerarios alternativos e respectar en todo momento a sinalización e as indicacións dos axentes encargados da xestión do dispositivo.

Así mesmo, o Alcalde anima á cidadanía a gozar deste singular fenómeno astronómico con responsabilidade e lembra a importancia de non observar directamente o Sol sen utilizar protección ocular adecuada e homologada.