
Monforte de Lemos, 13 de maio de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou este martes nunha reunión nas oficinas do Eixo Atlántico en Vigo encamiñada a articular unha candidatura europea de accións innovadoras para o desenvolvemento territorial. Na iniciativa, que se desenvolve no marco do Eixo Atlántico, traballan de forma conxunta o Concello de Monforte de Lemos, o Concello de O Barco de Valdeorras, a Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo.
Ademais do Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participaron neste encontro o Alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso; a profesora da Universidade de Vigo, Montserrat Cruz, e a profesora do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Carmen Pardo, así como tres técnicas do propio Eixo.
A iniciativa busca articular unha estratexia integrada que combine eixes clave para o desenvolvemento territorial: o impulso do enoturismo, o crecemento económico, o cambio climático, a prevención dos incendios forestais e a fixación de poboación en zonas do interior.
"Manter vivo o interior"
O Alcalde de Monforte destaca a importancia de “manter vivo o interior” a través de accións que impulsen a economía local. “No noso caso, estando situados no corazón da Ribeira Sacra, o enoturismo ten moito que aportar xa que é unha actividade capaz de xerar actividade en bodegas, aloxamentos, restaurantes, comercio e servizos”, indica.
Todo isto, engade, “axuda a fixar poboación porque cando hai oportunidades e calidade de vida, a xente queda, tal e como está ocorrendo nos últimos anos en Monforte, grazas ás políticas de investimento e de desenvolvemento sostible”. Así mesmo, o rexedor apunta que “un territorio habitado e traballado é un territorio coidado, o cal favorece a actividade económica e enriquece aínda máis o patrimonio natural e cultural”.
Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, afirmou que: “Esta candidatura baséase na idea de que, cando as cousas están coidadas e se abren novas oportunidades, sempre é bo para o territorio".
Nesta proposta, a Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo desempeñan un papel técnico fundamental. Ambas institucións xa traballaron previamente co Eixo Atlántico en proxectos vinculados á prevención de incendios, ao desenvolvemento do turismo policéntrico e á valorización do turismo de autor nos municipios de Galicia e do Norte de Portugal.
“Se a Unión Europea concede este proxecto, estableceranse novas sinerxias que diversificarán actividades potenciadoras das posibilidades dos territorios do interior”, conclúe José Tomé.