
Monforte de Lemos, 27 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia o inicio do período de exposición pública do proxecto de restauración ambiental e construción da senda peonil que percorrerá as marxes dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, cunha lonxitude superior aos 4 quilómetros, desde o edificio de Correos ata o Fogar de San José no inicio do Paseo do Malecón.
Unha vez aprobado o proxecto por parte do Pleno da Corporación Municipal o pasado mes de xuño, e remitida toda a documentación á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, esta acordou continuar co procedemento administrativo e someter a información pública os documentos relativos ás obras previstas e á relación de bens e dereitos afectados. Dita documentación publicarase na páxina web oficial da CHMS para que poida ser examinada por quen o desexe e formular alegacións u observacións que consideren oportunas, durante o prazo de 20 días contados a partir do día seguinte á publicación do anuncio no último dos boletíns oficiais nos que deberá publicarse: Boletín Oficial del Estado e Boletín Oficial da Provincia de Lugo. Poderá consultarse tamén nas oficinas da CHMS solicitando cita previa.
Así mesmo, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil remitiu un oficio ao Concello de Monforte co anuncio de información pública e a relación de bens e dereitos afectados que xa está exposta no taboleiro de anuncios do Concello.
Concluído este proceso, a Confederación Hidrográfica será a encargada de licitar de inmediato as obras, coa previsión de que os traballos poidan comezar entre os meses de marzo e abril do próximo ano, tal e como anunciara o Alcalde na presentación do proxecto o pasado mes de xuño.
Un proxecto estratéxico
O proxecto da senda peonil foi aprobado en Pleno o pasado mes de xuño. Na presentación, o Alcalde, José Tomé, explicou que se trata dun “proxecto estratéxico para a cidade”, que permitirá crear unha nova senda peonil circular urbana ao longo dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel.
Un proxecto, indicou, “que suporá un antes e un despois na configuración urbana, ambiental e social da nosa cidade, unha actuación transformadora que permitirá crear un auténtico cinto verde arredor de Monforte”.
Esta iniciativa é froito do convenio asinado polo Alcalde co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, o pasado 27 de novembro de 2024, para a construción dunha senda peonil circular urbana que percorrerá as marxes dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, cunha lonxitude superior ós 4 quilómetros, desde o edificio de Correos ata o Fogar de San José, no inicio do Paseo do Malecón.
O investimento total previsto ascende a 6.125.000 euros, cantidade que inclúe as expropiacións necesarias, a redacción do proxecto e o custe das obras. O financiamento será asumido nun 80% pola CHMS e nun 20% polo Concello de Monforte. Neste sentido, o rexedor monfortino explicou que “a Confederación Hidrográfica aportará 5.280.000 euros, mentres que o Concello contribuirá con 845.000 euros, o que evidencia a importancia desta actuación e a aposta decidida das dúas administracións por facer realidade este proxecto”.
Un corredor verde que conectará toda a cidade
José Tomé salientou que esta actuación permitirá recuperar espazos que durante décadas permaneceron esquecidos, incorporándoos plenamente á trama urbana. “Imos poñer en valor tres cursos fluviais que forman parte do noso patrimonio natural e que pasarán a converterse en espazos accesibles, coidados e pensados para o desfrute da cidadanía”, destacou.
A nova senda, engadiu, “conectando barrios, parques e lugares emblemáticos do municipio, creando un circuíto de máis de 5 km, sumando o actual paseo do río do Malecón ata o Parque dos Condes”.
O percorrido, detallou o Alcalde, comezará na zona de Correos, continuará ata o Fogar San José e enlazará co Malecón, formando un circuíto continuo que tamén conectará co Parque dos Condes. “Será un espazo pensado para camiñar, correr, pasear en bicicleta e gozar da natureza sen saír da cidade, ampliando de maneira moi significativa as posibilidades de lecer saudable para os veciños e veciñas de Monforte”, indicou.
A actuación contempla tamén a restauración ambiental dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, mediante a recuperación da vexetación de ribeira e a mellora do seu estado ecolóxico. “Queremos poñer a natureza no centro de Monforte, achegándoa á cidadanía e converténdoa nun elemento de cohesión urbana, benestar e calidade de vida”, destacou o rexedor.