O Alcalde informa da organización de tres obradoiros para fomentar o envellecemento activo e a convivencia entre xeracións

Monforte de Lemos, 30 de outubro de 2026. O Concello de Monforte de Lemos, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, organiza tres obradoiros de envellecemento activo e interxeracional. As actividades, dirixidas principalmente a persoas maiores de 55 anos, son gratuítas e desenvolveranse entre os meses de novembro e decembro no Espazo Gastronómico da Praza de Abastos de Monforte.

Esta iniciativa está impulsada polo Concello de Monforte en colaboración coa entidade FORMAVIGO e ten por obxectivo fomentar hábitos saudables, promover o benestar persoal e favorecer a participación social e o intercambio de experiencias entre xeracións.

A programación inclúe un obradoiro de alimentación saudable, os días 16 e 18 de novembro; un de cosmética natural, os días 23, 25 e 30 de novembro; e un de arte floral interxeracional, os días 27 de novembro e 11 de decembro.

Todas as sesións desenvolveranse en horario de 16:30 a 20:30 horas no Espazo Gastronómico da Praza de Abastos de Monforte, e serán impartidas por monitoras especializadas.

As actividades están dirixidas preferentemente a persoas maiores de 55 anos, cun carácter interxeracional no caso do obradoiro de arte floral, que busca promover a participación conxunta de persoas maiores e menores ou adolescentes nun espazo de convivencia, aprendizaxe compartida e intercambio de experiencias.

O Alcalde, José Tomé Roca, destaca a importancia de impulsar iniciativas que favorezan o envellecemento activo e melloren a calidade de vida das persoas maiores. Neste sentido, sinala que “desde o Equipo de Goberno seguimos apostando por actividades que promovan hábitos saudables, o benestar persoal e a participación social, ao tempo que fomenten o encontro e o intercambio de experiencias entre diferentes xeracións”.

Por este motivo, o rexedor anima á cidadanía a participar nestas actividades e fai un chamamento especial á xente nova para que se sume ao obradoiro de arte floral interxeracional que se desenvolverá nas datas previas ao Nadal.

 

Inscricións a partir do 4 de novembro

O prazo de inscrición comezará o 4 de novembro de 2026, ás 09:00 horas, e permanecerá aberto ata completar as prazas dispoñibles.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición na Secretaría dos Servizos Sociais Municipais, situada no Paseo do Malecón, s/n, en horario de 09:00 a 14:00 horas.

No caso de quedar prazas libres, poderán participar persoas que non cumpran o requisito de idade.

Con esta iniciativa, a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade continúa impulsando actividades que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas maiores, fomentar hábitos de vida saudables e reforzar as relacións sociais, facendo especial fincapé na convivencia e na aprendizaxe entre xeracións.

 

 

ALIMENTACIÓN COCIÑA SAUDABLE

A partir dos 55 anos, a túa alimentación incide en como vives. Unha nutrición adaptada é a clave para o teu benestar integral:

  • Saúde física: Protexe o corazón, fortalece ósos e músculos e prevén enfermidades.
  • Saúde mental: Alimenta a memoria, mellora o estado de ánimo e mantén a mente áxil e activa.

Dirixido a persoas maiores de 55 anos.

Lugar: Praza de Abastos-Espazo gastronómico. Rúa Bailén s/n.

Impartido por: Estefanía Montes-Dietista e cociñeira.

Datas: luns 16 e mércores 18 de novembro de 2026.

Horario: de 16:30-20:30 horas

 

COSMÉTICA NATURAL

Obradoiro de cosmética e limpeza natural: Aprende a coidar e nutrir a túa pel e a túa saúde aforrando con ingredientes de proximidade.

Dirixido a persoas maiores de 55 anos.

Lugar: Praza de Abastos-Espazo gastronómico. Rúa Bailén s/n.

Impartido por: Estefanía Montes.

Datas: 23, 25 e 30 de novembro de 2026.

Horario: de 16:30-20:30 horas.

 

ARTE FLORAL INTERXERACIONAL

CONECTANDO XERACIÓNS NO NADAL. Un espazo único onde os nosos maiores e os máis novos unen mans e creatividade para darlle vida á maxia do Nadal. Vén deseñar centros de mesas e coroas florais mentres compartimos historias e tradicións.

Dirixido a persoas maiores de 55 anos e menores e mocidade.

Lugar: Praza de Abastos-Espazo gastronómico. Rúa Bailén s/n.

Impartido por: Laura Accetta (Amoremio).

Datas: 27 de novembro e 11 de decembro de 2026.

Horario: de 16:30-20:30 horas.