Monforte de Lemos, 19 de outubro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e outros membros do Equipo de Goberno e da Corporación Municipal participaron durante a mañá deste luns nos actos organizados pola delegación monfortina da Asociación Española Contra o Cancro, AECC, para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro de Mama que se desenvolveron na rúa Cardeal de Monforte, baixo o lema “Tomámolo a peito”.
A Tenente de Alcalde, Gloria Prada e os Concelleiros de Obras, Medio Rural, e Servizos, José Luis Losada; Deportes, José Manuel Mougán; Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, e Medio Ambiente, Miguel Tomé, acudiron á cita e sumáronse ao acto floral e lectura do manifesto, ás 11.00 horas.
Durante toda a mañá, representantes e colaboradores da AECC ofreceron información sobre a actividade da Asociación e animaron á cidadanía a adquirir unha planta para colaborar coa AECC na loita contra esta enfermidade.
O Día Mundial contra o Cancro de Mama conmemórase todos os anos o 19 de outubro, e sirve para sensibilizar, concienciar, coñecer e darlle visibilidade a esta enfermidade. A través do manifesto, a Asociación incide na necesidade de “tomarse a peito” unha patoloxía que cambia a vida e marca un punto e aparte na vida das mulleres que reciben este diagnóstico.
A Torre da Homenaxe iluminarase hoxe de rosa
Como sinal de apoio a todas as persoas afectadas, o Concello de Monforte iluminará hoxe de cor rosa a Torre da Homenaxe do conxunto monumental de San Vicente. Con este xesto búscase concienciar á sociedade da importancia da investigación e o diagnóstico precoz desta enfermidade, que é o tipo de tumor máis frecuente en mulleres.
O Concello colabora estreitamente coa Asociación Española contra o Cancro en Monforte, coa cesión de 3 locais para dita asociación, desde os que atenden a pacientes e familiares relacionados con esta enfermidade. Tamén participa na organización da Carreira contra o Cancro, que se celebra en setembro.