O Alcalde recibe aos participantes da Volta Aérea á Península, que percorre España e Portugal con parada en Monforte durante tres xornadas

Monforte de Lemos, 4 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo presidente do Club Aerolemos, José Antonio Guitián, e os Concelleiros de Deportes, José Manuel Mougán, e Medio Ambiente, Miguel Tomé, recibiu este martes aos participantes na Volta Aérea á Península, un gran evento aeronáutico internacional organizado pola Asociación de Aviación Xeral e Deportiva (AEPAL) que se desenvolve entre o 1 e o 9 de agosto de 2026, e que reúne arredor de 30 aeronaves e 60 persoas participantes. O Aeródromo de Monforte (LENF), situado en As Lamas, é unha das súas sedes principais, na que o evento fai parada os días 4, 5 e 6 de agosto.

O rexedor monfortino asistiu esta tarde á chegada das aeronaves, procedentes da cidade lusa de Braga, e deu a benvida aos participantes, desexándolles unha feliz estancia na cidade do Cabe.

Neste senso, o Alcalde quixo destacar o impacto económico que supón para a Ribeira Sacra que Monforte sexa sede deste tipo de eventos, “xa que supoñen unha importante proxección turística da riqueza cultural, paisaxística, gastronómica e vitivinícola que nos singulariza, potenciando o turismo de calidade”.

Así mesmo, recorda que na elección do Aeródromo de As Lamas como sede da Volta Aérea á Península foron determinantes a súa situación privilexiada e o perfecto estado das instalacións tras as obras de mellora da pista e da vía que da servizo ó campo de voo recentemente realizadas cunha inversión de 260.508,16€, financiada con fondos municipais.

A organización local do evento corre a cargo do Club Aerolemos, encabezado polo seu presidente José Antonio Guitián, en estreita colaboración co Concello de Monforte, consolidando as instalacións municipais como un punto estratéxico da aviación deportiva no noroeste peninsular, logo das melloras que fixo o Concello de Monforte.

 

Monforte, Base Operativa da Aviación en Galicia.

A ruta da Volta Aérea á Península une España e Portugal nun trazado de nove días, coa participación de 32 aeronaves e 60 persoas, converténdose o aeródromo de Monforte, na base central de operacións desde onde os 32 avións despegarán para realizar varios voos de navegación cara a diferentes aeródromos da xeografía galega e a costa. “Isto dalle unha enorme visibilidade técnica e operativa ás instalacións locais ante pilotos de toda a península”, destacan tanto o Alcalde como o presidente do Club Aerolemos, José Antonio Guitián.

Os participantes compaxinarán esta actividade aérea cunha completa axenda de promoción e turismo cultural, que permitirá que os integrantes da comitiva poidan facer un percorrido polos centros culturais da cidade, incluíndo unha visita guiada ao Museo do Ferrocarril de Galicia para coñecer o histórico legado ferroviario monfortino. A organización local tamén ten previsto un paquete de excursións aos principais puntos de interese da comarca, de xeito que os integrantes podrán desfrutar dunha paisaxe única a través dos seus canóns fluviais, o románico e o gran valor cultural e vitivinícola da Ribeira Sacra.

O Alcalde de Monforte subliñou a singularidade do Aeródromo de As Lamas, destacando a importancia de que sexa sede desta Volta Aérea á Península e tamén de distintas edicións dos Encontros da Asociación de Aviación Experimental, onde se dan cita pilotos e construtores de aeronaves lixeiras, chagados de todo o Estado.

Este Aeródromo, destaca José Tomé, “conta actualmente cun intenso e crecente tráfico aéreo. Nel aterran e despegan clubs aéreos de toda España e tamén de Portugal ou Francia, co que elo supón de impacto positivo para o noso turismo e para dar a coñecer a nosa cidade e comarca”. Ven rexistrando de media, entre 300 e 500 operacións ó ano de  avionetas de diferentes tamaños, sobre todo durante as pontes e fins de semana, pero tamén durante a semana, xa que está aberto ó tráfico de forma permanente, sendo un lugar de parada para tránsitos chegados dende outros lugares de Galicia como Mazaricos, Santa Comba, Lugo ou Ribadeo, e tamén de lugares como Asturias, Castela e León e todo o noroeste da Península en xeral, e tamén doutros países como Portugal e Francia, principalmente.

Neste senso, os pilotos que o utilizan, destacan a situación privilexiada de Monforte dentro de Galicia, e tamén a excelente situación do propio Aeródromo dento do Concello, xa que se atopa moi preto do casco urbano, e isto fai que os visitantes poidan acercarse ó centro da cidade en poucos minutos. “Isto converte ó Aeródromo de Monforte en único, xa que o resto de instalacións deste tipo en Galicia, e a maioría das do resto de España, se atopan sempre alonxadas de zonas urbanas, que requiren de desprazamentos importantes”, resalta o mandatario monfortino.

 

Itinerario Completo da Volta Aérea (Agosto 2026)

A ruta une España e Portugal nun trazado de nove días, tendo a Monforte como base neurálxica na metade do percorrido:

  • Sábado 1: Reunión de participantes en LEDE – Aerodel (Córdoba).
  • Domingo 2: Saída cara a Portugal, aterrando en LP51 – Beja.
  • Luns 3: Continuación da ruta lusa cara ao norte, LPBR – Braga.
  • Martes 4: Chegada a Galicia e aterraxe en LENF – Monforte de Lemos.
  • Mércores 5: Base en Monforte de Lemos e voos de navegación.
  • Xoves 6: Despedida de Galicia cara a LERP – Herrera de Pisuerga (Palencia).
  • Venres 7: Vo cara ao Pirineo, LEOJ – Coscojuela (Huesca).
  • Sábado 8: Penúltima etapa en LESS – Sotos (Cuenca).
  • Domingo 9: Clausura do evento e regreso a casa das tripulacións.