Monforte de Lemos, 15 de abril de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi convidado polo Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, a participar este mércores, 15 de abril, na xornada divulgativa da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial que tivo lugar na Casa de Galicia, en Madrid. Tomé Roca acudiu a este acto en calidade de máxima autoridade do Concello de Monforte de Lemos, capital deste territorio que aspira a formar parte do catálogo de lugares Patrimonio da Humanidade da UNESCO.
O evento contou coa presenza de representantes do Goberno central e do embaixador delegado permanente de España ante a UNESCO, así como dos embaixadores e embaixadoras en España dos 21 países decisivos no 48º Comité do Patrimonio Mundial que a Unesco celebrará en Corea do Sur o vindeiro mes de xullo, así como dunha ampla representación de deputados/as e senadores/as de Galicia en Madrid.
O Alcalde destacou o “excelente traballo” realizado coa candidatura “Ribeira Sacra. Paisaxe da Auga” e amosou a súa confianza ante a avaliación definitiva: “Estou convencido de que a Ribeira Sacra recibirá este prestixioso recoñecemento internacional e que será declarada Patrimonio da Humanidade o que, sen dúbida, terá un importantísimo impacto para o noso Concello e o conxunto do territorio en termos de promoción turística e de xeración de riqueza”. Esta declaración, engadiu, “axudará a que a Ribeira Sacra sexa coñecida en todo o mundo”.
Colaboración e implicación das institucións
O rexedor destacou a colaboración entre todas as administracións no proceso que agora entra na recta final e agradeceu o traballo do Goberno de España na presentación da candidatura e, especialmente, do Embaixador Delegado Permanente de España ante a UNESCO en París, Miquel Iceta.
“Unha proposta de todos”
Neste senso, José Tomé incide na implicación total da Deputación de Lugo, da que foi presidente, para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial e recorda que “foi precisamente esta institución provincial, baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro, a que impulsou a candidatura e liderou unha campaña de mobilización social en favor da iniciativa coa que recolleu máis de 40.000 firmas nun autobús que percorreu a xeografía galega e do resto de España”.
A xornada divulgativa da candidatura “Ribeira Sacra. Paisaxe da Auga” foi presentada polo director Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos, e contou coas intervencións do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o Ministro de Cultura, Ernest Urtasun Domènech, que defenderon a candidatura como un “proxecto de país”, idea coa que concordou o Alcalde, José Tomé: “Esta candidatura é unha proposta de todos”.
Como peche, os asistentes compartiron unha mostra da riqueza gastronómica da Ribeira Sacra na que os produtos e os viños locais foron protagonistas.