O Alcalde participou en Sober na xuntanza para valorar o informe do Icomos sobre a candidatura da Ribeira Sacra ante a Unesco

Monforte de Lemos, 9 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou este martes en Sober na xuntanza que o Conselleiro de Cultura, José López Campos, mantivo cos rexedores da Ribeira Sacra para analizar polo miúdo o informe do Consello Internacional de Monumentos e Sitios-Icomos sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial.

O encontro tivo lugar no Áurea Palacio de Sober e serviu para valorar as consideracións recollidas no informe deste organismo consultivo da Unesco e valorar o traballo que se vai realizar nas próximas semanas para incorporar as achegas necesarias na recta final da defensa desta candidatura.

Neste senso, José Tomé lembra que as consideracións dos técnicos do Icomos non son vinculantes, e serán os embaixadores e embaixadoras dos 21 países que forman parte do Comité do Patrimonio Mundial os que terán a última palabra na presentación final da candidatura, que terá lugar o vindeiro mes de xullo en Corea del Sur.

O rexedor puxo en valor o traballo e as xestións realizadas polo Ministerio de Cultura con este proxecto e a colaboración coa Xunta de Galicia perante “un reto compartido que é a incorporación da Ribeira Sacra ao catálogo de lugares Patrimonio da Humanidade”.