O Alcalde participou na V Carreira e Andaina “Monforte en marcha contra o Cancro”, á que se sumaron case 700 participantes

Monforte de Lemos, 13 de setembro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os concelleiros e concelleiras de Deportes, José Manuel Mougán, de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, e de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, participaron este domingo, 13 de setembro, na V Carreira e Andaina “Monforte en Marcha contra o Cancro”, unha marcha deportiva e solidaria á que se sumaron tamén o Presidente da Asociación Española Contra o Cancro na provincia de Lugo, José Manuel Rozas Bello, así coma outros integrantes da asociación e membros da Corporación Municipal.

A cita, organizada pola Asociación Española Contra o Cancro, AECC, en estreita colaboración co Concello de Monforte, congregou desde as 11.00 horas a centos de veciños e veciñas na Explanada da Compañía, onde se instalou unha carpa para o reparto de camisetas e dorsais. A carreira e andaina comezou ás 12.00 horas, cunha participación de case 700 persoas. Neste senso, a agrupación quixo agradecer aos monfortinos e monfortinas a súa implicación con esta causa solidaria, que recada fondos para a atención a pacientes e familiares e para a investigación oncolóxica.

 O Concello de Monforte colaborou coa Asociación Española contra o Cancro no deseño do percorrido desta carreira, no que participaron tanto o Técnico de Deportes como a Policía Local. Para o seu correcto desenvolvemento, tamén se proporcionou o servizo de ambulancia, e os valados necesarios para delimitar o circuíto. A Policía Local colaborou no corte e vixilancia do tráfico das rúas polas que transcorreu a marcha, que quedaron abertas trala finalización do evento.

O Alcalde, José Tomé, salienta a colaboración do Concello nesta iniciativa, “poñendo á disposición dos organizadores toda a maquinaria técnica e organizativa necesarias para que a carreira e andaina fose un éxito”. Así mesmo, o rexedor agradeceu á veciñanza a súa participación nesta causa solidaria, xa fora correndo ou camiñando, porque o realmente o importante é estar presentes e sumar todo o apoio posible á loita contra o cancro.

 

 

Percorrido e gañadores

O percorrido partiu da Explanada da Compañía para continuar pola rúa Compañía, Paseo de Lugo, rúa Carude, San Lázaro, Reboredo cara ao centro da cidade, Dalmiro de la Válgoma, Escultor Francisco Moure, Compañía ata a glorieta de entrada ao Parque dos Condes e regreso á Explanada da Compañía, onde estará situada a meta. Os corredores deron dúas voltas a este percorrido completando un itinerario de 5 km.

A carreira contou con categorías masculina e feminina e establecéronse tres premios en cada unha:

As gañadoras na categoría feminina son Luisa González Somoza (1ª), Martina Navia López (2ª) e Marta Rivera Vázquez (3ª).

Na categoría masculina recibiron o trofeo Adrián Parada López (1º), Serafín Rodríguez Rodríguez (2º) e Tomás Díaz Ferández (3º).

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O Concello colabora activamente

O Concello colabora activamente con este evento deportivo e solidario que abrangue tanto os traballos previos de organización como o dispositivo previsto para garantir o correcto desenvolvemento da proba. Participa na coordinación do percorrido a través da área de Deportes e da Policía Local, poñendo a disposición da organización os medios necesarios para a celebración da actividade.

Durante a xornada, a Policía Local colabora na regulación e vixilancia do tráfico para permitir o desenvolvemento da carreira con seguridade. O Concello tamén se encarga da colocación dos valados e elementos necesarios para delimitar o circuíto e facilitar a seguridade das persoas participantes. Así mesmo, o dispositivo municipal aporta servizo de ambulancia e efectivos de Protección Civil.

Cabe salientar tamén a colaboración constante do Concello de Monforte coa Asociación Española contra o Cancro na provincia de Lugo, entre outras cuestións, coa cesión de 3 locais desde os que a entidade atende a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade.