O Alcalde presenta o anteproxecto para desdobrar e ampliar a rúa Chantada entre a rotonda do Hórreo e o corredor, e “mellorar un dos principais accesos da cidade”

Monforte de Lemos, 5 de febreiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou na mañá deste xoves o anteproxecto de reforma e ampliación da rúa Chantada, co fin de mellorar un dos principais accesos á cidade. Acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, o rexedor detallou as actuacións previstas, custes e tempo de execución dunha obra que cualificou de “necesaria”.

Esta proposta, que foi adiantada polo Alcalde na sesión ordinaria do pleno de xaneiro, é unha demanda do Equipo de Goberno que xa lle foi trasladada á conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, María Martínez Allegue, nunha reunión celebrada en abril do ano pasado en Santiago, na que participaron José Tomé e Gloria Prada.

“O vial é de titularidade autonómica e nesa xuntanza expuxemos a necesidade de ampliar o último tramo urbano, comprendido entre a rotonda do Hórreo e a rotonda do Salón do Moble”, explicou o Alcalde.

O anteproxecto presentado recolle os detalles das obras a realizar, custes e tempo de execución, que sería de 6 meses unha vez adxudicada a obra e asinada a acta de replanteo. O orzamento da intervención, incluíndo as actuacións previas e outras cuestións como as instalacións de saneamento e alumeado, o peche de parcelas, o mobiliario urbano e o axardinamento, supera os 2,5 millóns de euros. Concretamente, ascende a 2.586.847,37 euros.

 

1.400 metros de vía cun elevado tránsito de vehículos e peóns

A actuación proposta afecta a un tramo de 1.400 metros da rúa Chantada, comprendido entre a rotonda do Hórreo e a rotonda de saída ao corredor da denominada LU-617, entre os puntos quilométricos 0,000 e 1,400.

O Alcalde, José Tomé, destaca que esta rúa é unha das principais vías de entrada á cidade, xa que canaliza todo o tráfico procedente de O Saviñao, Chantada, Lalín, Santiago, e mesmo da zona de Ourense e Ponferrada pola circunvalación oeste, e tamén do corredor CG 2.2 que conecta Monforte con Lugo e desde Nadela coa autovía A-6.

Tamén dá servizo a instalacións como o CEIP A Gándara, o cemiterio municipal, varios tanatorios, unha das áreas empresariais do Concello, a Cooperativa Lemos, ademais do Hospital  e grandes superficies de comercio de alimentación como Gadis, Lidl ou Mercadona.

“Falamos, polo tanto, dunha entrada ao centro urbano, comercial e dotacional de Monforte cun elevado tránsito de vehículos e peóns (sobre todo na parte inicial), que precisa dunha transformación que permita un tráfico máis fluído e máis seguro. Esa reforma é a que está recollida neste anteproxecto que xa lle presentamos á Consellería de Infraestruturas”, explicou o Alcalde.

 

De dous a catro carrís

O obxecto da reforma proposta polo Concello de Monforte, detallou o rexedor, “é mellorar e ampliar esta rúa converténdoa nunha vía de dobre calzada de catro carrís, dous en cada sentido da circulación, con aparcamentos en liña ou batería segundo o caso, beirarrúas a ambos lados, e árbores nas marxes de todo o trazado,  reforzando a seguridade vial e humanizando o seu percorrido”.

Con este fin proxéctase unha ampliación da vía en anchura pasando dos dous carrís actuais a catro, con dúas calzadas de 7 metros cada unha separadas por unha mediana de 1 metro. Así mesmo, crearanse áreas de estacionamento e beirarrúas en ámbolos dous lados da rúa.

O deseño proxectado mantén as dúas rotondas existentes emprazadas unha na entrada do Cemiterio municipal e outra no acceso á rúa María Paz de Tor, que serían ampliadas para situarse centradas co eixe da vía, xa que unha de elas non o está na actualidade. Con esta actuación, “ambas rotondas pasarán a ter 32 metros de diámetro exterior de calzada e 11 metros de diámetro interior, para evitar que os vehículos pasen en liña recta e reduzan a velocidade”, indicou o Alcalde.

A intervención contempla a plantación de árbores (tileiros) nas beirarrúas dos dous laterais e un novo alumeado público con luminarias led en columnas de 10 metros de altura, máis adecuadas ás características da nova vía.

 

Pavimento e expropiacións necesarias

Tal e como recolle o anteproxecto, en toda a vía empregarase aglomerado en quente, coas correspondentes marcas viais. Pola súa banda, as beirarrúas peonís terán pavimento de baldosa de formigón. O último tramo á esquerda discorre polo borde dunha canaleta de regadío que se protexerá con varandas.

Para desenvolver a ampliación prevista será necesario proceder á expropiación e demolición de varios peches de parcelas e dunha edificación en planta baixa que na actualidade está metida no trazado da beirarrúa e expropiaranse terreos sen edificar nalgunhas zonas. Neste senso, o rexedor explicou que, “coma sempre facemos, unha vez acometidas as obras, construiríanse novos peches e portas de acceso nas parcelas afectadas”.

En definitiva, concluíu o Alcalde, “falamos dunha actuación necesaria baseada no estado actual da rúa e na intensidade do tráfico de vehículos e peóns que soporta diariamente. O óptimo neste caso é unha vía con dobre calzada, aparcamentos e beirarrúas. Confiamos, polo tanto, en que a Consellería de Infraestruturas atenda esta demanda e dea os pasos que ten que dar para que Monforte conte cun acceso adecuado nesta estrada autonómica”.