O Alcalde presenta un informe que confirma que a superficie de zona verde no Parque dos Condes aumentará trala reforma

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, realizou este martes unha visita ás obras de urbanización da Zona D e de reforma do Parque dos Condes para presentar ante os medios de comunicación un informe que ratifica que o espazo obxecto de remodelación non só non perde espazos verdes, senón que aumenta a superficie de céspede respecto á que había antes das obras. Nesta visita, o rexedor estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada.

O rexedor fixo entrega aos xornalistas dun estudo comparativo das superficies axardinadas no espazo do Parque dos Condes que actualmente está sendo obxecto de reforma e no que se instalará unha gran fonte de chorros e espectáculos de auga e luz rodeada por un paseo peonil perimetral de 5 metros de ancho. Dito informe, apunta o rexedor, “confirma o que levamos tempo explicando, que a esencia natural e paisaxística do Parque dos Condes seguirá intacta”.

Tal e como recolle o documento, e como explicou o Alcalde a pé de obra, no estado previo á intervención, a superficie axardinada do ámbito de actuación distribuíase en 16 parterres independentes e de xeometría irregular que, no seu conxunto, sumaban 1.119,05 m² de superficie axardinada.

José Tomé indicou que, na situación inicial previa ás obras, “coexistían dentro do ámbito itinerarios peonís executados en grava compactada, un eixo principal pavimentado en granito e espazos de transición entre parterres sen delimitación xeométrica clara”. Polo tanto, engade, “este espazo xa presentaba previamente unha proporción relevante de superficie destinada a tránsito peonil”.

 

Plano situación inicial: 1.119,05 m²

 

 

 

 

 

 

 

Trala execución da reforma proxectada, a ordenación reorganízase arredor da fonte, con zonas axardinadas distribuídas en catro sectores principais, con xeometría máis regular e continuidade espacial. Concretamente, 4 espazos verdes de 307,32 m², 243,73 m², 124,09 m² e 474,30 m², o que supón unha superficie total de 1.149,44 m² de superficie axardinada.

Esta nova configuración, apunta o rexedor monfortino, “mellora a definición dos parterres, a súa continuidade e a súa integración dentro do conxunto do parque”.

 

Plano situación tras la actuación: 1.149,44 m²

 

 

 

 

 

 

 

 

 

No que se refire á superficie das zonas verdes a comparativa é a seguinte:

  • Estado inicial: 1.119,05 m²
  • Estado executado: 1.149,44 m²
  • Diferencia: +30,39 m²

 

Máis zona verde e mellor distribución espacial

Estes datos, explica o Alcalde, “confirman que a intervención realizada non só reorganiza xeometricamente o espazo libre, senón que incrementa a superficie destinada a zonas verdes, reducindo a fragmentación que existía antes entre os parterres, ao tempo que mellora a continuidade das áreas axardinadas”.

 

Mantense a zona de sombra e aumenta o número de bancos

A reforma proxectada, detalla, “reorganiza espacialmente as zonas axardinadas, mellora a definición xeométrica dos parterres, incrementa a continuidade das áreas verdes e supón un aumento neto da superficie axardinada respecto á situación inicial”. Polo tanto, engade, “podemos dicir que a intervención mantén o carácter paisaxístico do espazo público reforzando a presenza de zonas verdes dentro do conxunto do parque, mantendo a zona de sombra e incrementando o número de bancos”.

Así mesmo, o Alcalde destaca que coa apertura da Zona D, “o Parque dos Condes gañará en amplitude e zona de esparexemento para o desfrute dos monfortinos e monfortinas e de todas as persoas que nos visitan”.

Está previsto que ambas actuacións estean finalizadas no ao longo do vindeiro mes de xullo.