
Monforte de Lemos, 5 de xuño de 2026. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, presentou esta mañá en rolda de prensa o proxecto construtivo de separación e tratamento de augas pluviais do Polígono Industrial do Reboredo, unha actuación que permitirá completar a adaptación da rede de saneamento do parque empresarial ás esixencias normativas actuais.
O proxecto enmárcase no convenio subscrito entre o Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) do polígono, unhas obras que se atopan actualmente nun avanzado estado de execución.
Segundo explicou o rexedor, o Plan Director de saneamento e depuración do Polígono do Reboredo puxo de manifesto que unha parte das instalacións, concretamente a rúa número 4, non dispón dunha rede separativa de augas pluviais e residuais, polo que ambas circulan actualmente por unha mesma infraestrutura.
“Para legalizar o sistema de vertido do polígono e cumprir coa normativa vixente é necesario executar esta actuación adicional, que permitirá separar correctamente as augas pluviais das residuais”, destacou José Tomé.
A actuación contempla, en primeiro lugar, a construción dunha nova rede separativa de pluviais na rúa número 4, mantendo a infraestrutura existente para as augas residuais. Ademais, indicou o rexedor, “permitirá recoller e canalizar as augas pluviais de todo o polígono cara un colector de derivación e un equipo de tratamento de augas pluviais denominado separador hidrodinámico, para posteriormente vertelas ao cauce unha vez tratadas”.
O obxecto concreto do proxecto, detallou, “é restituír a correcta separación das augas pluviais e residuais do Polígono e evitar o ingreso de augas pluviais na EDAR efectuando sobre elas un pretratamento antes do seu vertido”.
Neste senso, o alcalde explicou que os traballos inclúen a substitución de 12 arquetas existentes para garantir unha correcta segregación dos caudais de pluviais e residuais, o deseño e execución da nova rede separativa de pluviais na rúa 4 e a construción dun colector de derivación que evitará a entrada de augas de choiva na depuradora “instalando no seu trazado un separador hidrodinámico para o tratamento de augas pluviais, así como unha arqueta de toma de mostras antes de que se incorpore ao tubo do efluente no punto de entronque co emisario da EDAR”.






Máis de 5,6 millóns de euros investidos no saneamento e depuración do Polígono
José Tomé destacou tamén o importante esforzo inversor realizado para mellorar o saneamento e depuración do Polígono Industrial do Reboredo.
O convenio inicial para a construción da nova EDAR contaba cun orzamento de 4,6 millóns de euros. Coa incorporación desta nova actuación mediante unha addenda ao convenio, que supón un investimento de 913.444,24 euros, o importe total destinado ao saneamento e depuración do polígono ascende a 5.638.184,36 euros.
O proxecto será sometido a debate e aprobación no Pleno extraordinario convocado para o vindeiro luns, 8 de xuño. Unha vez completada a tramitación administrativa e remitidas as certificacións correspondentes, a propia Confederación Hidrográfica do Miño-Sil procederá á súa licitación.
“Se sumamos os proxectos que levaremos ao Pleno do luns, como son esta actuación de saneamento, a senda peonil e a ampliación do Polígono Industrial do Reboredo, estamos a falar dun investimento global próximo aos 10 millóns de euros, unha cifra que demostra a aposta decidida deste Equipo de Goberno pola mellora das infraestruturas e pola creación de novas oportunidades de desenvolvemento para Monforte”, concluíu.